Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Zas acolle o Campionato Galego de Tenis de Mesa con 400 participantes

Presentacion pinpon zas
Participaron na presentación os membros da AD ZAS Tenis de Mesa, Miguel Rey e Stevo Lema; o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; o Presidente da Federación Galega Tenis de Mesa, José Luis Cabaleiro; e o concelleiro José Manuel Brenlla
Zas acolle o Campionato Galego de Tenis de Mesa con 400 participantes

O pavillón municipal de Zas será esta fin de semana o punto de referencia para os 400 xogadores e xogadoras que participan no Campionato Galego de Tenis de Mesa. Unha auténtica festa do deporte galego organizada polo equipo local AD Tenis de Mesa coa colaboración do Concello de Zas.

O sábado, entre as 09:30 e as 20:00 horas, xogarán as categorías Infantil e Pre-Benxamín, mentras que o domingo no mesmo horario será a quenda das categorías Alevín, Sub 23 e Discapacitados. “É un campionato no que se baten marcas de participación xa que cada un dos días contaremos cuns 200 deportistas” que chegan dende diversos puntos de toda a comunidade, tal e como indicou o Presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa, José Luis Cabaleiros.
Tamén destacou o incremento de 4 - que eran os habituais - a 16 participantes na categoría de xogadores e xogadoras con discapacidade que se conseguiu, en parte, grazas ás diferentes concentracións organizadas polo ente Galego en colaboración co seleccionador galego de tenis de mesa; o veciño de Zas Miguel Rey.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño; deulle as grazas por “escoller o Concello de Zas” para a organización deste evento e tamén aproveitou a ocasión para rendirlle unha pequena homenaxe a Stevo Lema que o definiu como “unha das figuras máis importantes do deporte escolar e como un dos pioneiros do tenis de mesa no noso municipio e en toda a comarca”. Pola súa banda, Esteban Lema; representante do AD Tenis de Mesa de Zas agradeceu o apoio do Concello de Zas e prometeu que continuará coa súa teima de “fomentar o deporte”.

Novas relacionadas

Comentarios