A Costa da Morte salta á gran pantalla de Castilla León

A bravura do mar e o solpor dende o Faro Roncudo, foron os detalles que máis impactaron a Esperanza Domínguez na súa visita á Costa da Morte. A xornalista do programa "Tiempo de Viajar", da Radio Televisión Castilla León, pasou varios días pola nosa bsibarra para gravar unha reportaxe de 58 minutos, que se estreará o vindeiro domingo día 20 no canle castelán. O programa é todo un referente na comunidade e Esperanza é case que o "Gayoso" da televisión castelá.
Ben guiados por Estefanía Fernández, da empresa de Turismo Activo Meigalicia que tanto coida e promociona a nosa bisbarra, a expedición percorreu de arriba a abaixo a Costa coñecendo os nosos mellores segredos, ao máis puro estilo a Fam Press que visitaba a bisbarra hai escasamente un mes.
A expedición foi traída pola Asociación de Empresarios do Sector Turístico da Costa da Morte APTCM; e participaron empresas da zona como o Hotel Insua, Hotel El Hórreo, ou a Casa de Lema, membro da tamén participante Asociación Muxía Turismo Natural.
De feito, os membros da entidade muxiá, e o presidente da APTCM, Manuel Pan, presentaron o paquete Saboreando Galicia dende Muxía.
Completo percorrido
Partiron de Cee para visitar o primeiro día as marabillas de Camariñas e a zona de Camelle e o Trece, o Castelo de Vimianzo coas palilleiras e, como non, Carmen Riveiro, a alma do liño. O xoves partíu do mercado de Carballo, parada en Verdes e visita, con Lito Eiroa, ao Castro Borneiro (recentemente catalogado BIC), ao mirador do Monte Branco, o museo do forno do Pote de Buño e Punta Nariga. O solpor, incrible no Roncudo.
O último día a expedición visitou a zona máis sureña da bisbarra. Martina Romero presentou, man a man coas mariscadoras, o proxecto do Pindo Mariño. Iso só logo de pasar por Fisterra, Cee, Corcubión, o Ézaro, Caldebarcos e Carnota.
Todo, para amosar as cousas máis fermosas da nosa bisbarra e seguir promovendo a nosa Costa como un dos destinos de moda da década.
Novas relacionadas
- A denominación de orixe da Costa da Morte triunfa no Forum Gastronomic de Girona.
- Fam Press: Xornalistas especializados de toda a península coñecen os tesouros da Costa.
- A APCTM dedicou o recoñecemento da HGG-agatex aos “heroicos empresarios da Costa”.
- A Costa da Morte dinamiza o Turismo da Coruña.
- Cataluña si quere saborear Muxía.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Fotos de Estefanía Fernández, de Meigalicia.