Sábado. 05.10.2024
El tiempo

A divulgación 2.0 dos Camiños do Mar, finalista duns premios europeos sobre patrimonio

A divulgación 2.0 dos Camiños do Mar, finalista duns premios europeos sobre patrimonio
Os Caminos do Mar de Ponteceso nominados para premios europeos

O proxecto “Ponteceso. Os Camiños do Mar” foi elixido finalista dos premios europeos “Patrimonio en Movemento” (“Heritage in Motion”, no seu título en inglés) na categoría aplicacións móbiles. A divulgación 2.0 do patrimonio pontecesá foi clave para a nominación do proxecto. Unha nova demostración de que o futuro turístico da Costa da Morte pasa polo sendeirismo patrimonial e natural.

O galardón entregarase o vindeiro 25 de abril en Glasgow (Escocia, Reino Unido), durante as xornadas bianuais organizadas polos promotores (25 e 26 de abril). “Os Camiños do Mar” é unha iniciativa de promoción turística baseada nas TIC que a finais de 2012 promoveu o Concello de Ponteceso con financiación europea a través do GAC3 Costa da Morte. A redacción e execución do proxecto foi responsabilidade das empresas Aporta Comunicación e Valora Consultores; mentres que o soporte tecnolóxico correu a cargo de Wireless Galicia.

Primeiras rutas 2.0 da Costa da Morte

Sinalizacion dos Caminos do Mar de Ponteceso

No ano e pico que a iniciativa “Ponteceso. Os Camiños do Mar” leva activa, convidouse ao viaxeiro a gozar da súa visita a Ponteceso dun xeito experiencial, achegándose ao territorio e indo máis aló da gastronomía, das praias ou da contemplación da paisaxe. A través de dúas rutas (Camiño da Ribeira e Pondalina) sinalizadas e xeolocalizadas mediante unha trintena de paneis interactivos, o visitante descobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán sen guías presenciais, só utillizando un teléfono intelixente ou smartphone.
Cada un dos paneis leva incorporadas tres vías de acceso aos contidos albergados na plataforma iBeaken: código QR, antena NFC e código de acceso á web corporativa. O usuario elixe aquela coa se senta máis cómodo no momento da camiñada.
Os sistema iBeaken estase a empregar nos principais museos de Europa e por primeira, vez, en Ponteceso en 2012. Hai que recordar que a aposta por esta tecnoloxía converteu a “Os Camiños do Mar” nas primeiras rutas 2.0 da Costa da Morte. Esta mínima intervención na contorna permitiu ademais reducir o impacto no medio natural e vertebrar sendeiros naturais con acceso a información turística e xeolocalización GPS.

Datos dos premios

"Patrimonio en Movemento" é unha iniciativa multimedia, de carácter bianual, patrocinada por Europa Nostra e a European Museum Academy. Os seus obxectivos son, por unha parte, chamar a atención sobre os mellores productos tecnolóxicos que poñen en valor o patrimonio europeo en todas as súas facetas (cultural, natural, material e inmaterial). Pola outra, utilizar as novas tecnoloxías como canle de transmisión actual, innovadora e creativa para atraer e inspirar á xente de todas as idades, sobre todo aos máis novos, para experimentar e coñecer de primeira man a herdanza histórica que dá sentido ás súas comunidades.
Europa Nostra é unha organización cidadá formada por preto de 2.000 membros destinada a salvagardar o patrimonio europeo a través de diversas accións como convocatoria de premios, campañas de promoción e grupos de presión (lobbying). A European Museum Academy céntrase en estimular o pensamento innovador nos museos europeos. É unha entidade internacional sen ánimo de lucro establecida nos Países Baixos, auspiciada polo Consello de Europa co patrocinio da Raíña Fabiola de Bélxica. En días pasados, o comité de selección comunicoulle aos candidatos a súa nominación nalgunha das cinco categorías do premio: vídeo, páxinas web, aplicacións móbiles, xogos ou mellores logros, relacionadas á súa vez coa temática educativa, lúdica ou informativa. A finais de abril, durante o congreso bianual, un xurado internacional elixirá os ganadores de cada sección durante a gala “Heritage in Motion Festival Awards”.

Mundo 2.0

“Os Camiños do Mar” e o uso do móbil como dispostivo de almacenaxe e transmisión de información está en liña coas últimas tendencias sociais. Na 14ª edición do informe sobre a Sociedade da Información en España da Fundación Telefónica, indícase que en 2013 o tráfico de móbiles con Internet medrou un 40% “porque todo o mundo quere estar conectado”; e que 8 de cada 10 aparatos vendidos son smartphones.

“Os Camiños do Mar” foi concibido así mesmo como un produto 24x7; é dicir, dispoñible 24 horas ao día e os sete días da semana. Grazas ao uso de ferramentas TIC, os usuarios poden achegarse á información multimedia (textos, fotos, vídeos e audios) en calquera momento. Ben sexa a través da páxina www.caminosdomar.com ou do sitio específico para móbiles www.ponteceso.mobi.

Estatísticas

“Ponteceso. Os Camiños do Mar” tamén ten presenza nas redes sociais Facebook,YouTube, Flirck e Panoramio onde está acadando un notable seguimento e aceptación. En concreto, o potencial dos 27 vídeos queda patente coas case 8.200 reproducións e os máis de 22.000 minutos visionados por usuarios de España, a maioría, pero tamén en países como Suíza e outros da Unión Europea (Italia, Reino Unido, Alemaña, Portugal, Francia, Países Baixos,...) ou de Estados Unidos, Canadá, Australia, Rusia e incluso Xapón.
En canto ás consultas dos contidos iBeaken durante o percorrido polas rutas Camiño da Ribeira e Pondaliana, desde o lanzamento da plataforma recibíronse máis de 7.400 visitas, rexistrándose descargas todos os meses.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Ponteceso.

Comentarios