A Escola de Verán do Couto, o campamento de verán que toda cidade quixera ter
08:15 13/08/18
Rapaces e rapazas creando na Escola de Verán do Couto
Moitas veces é difícil decatarnos do que temos nas comunidades rurais. E cómpre, de cando en vez, ir ollar ás cidades para agradecer a nosa vida. Moitos pais e nais da bisbarra seguro que sabemos do que falamos. Tempo de verán, e tempo de conciliación, de facer puzzles cos horarios das crianzas para compatibilizar o traballo e a vida familiar. os que viven e traballan nas cidades, saben que durante o verán terán que pagar unha importante suma de diñeiro para que o cativo pase alomenos 3-4 horiñas ocupado, normalmente nun baixo comercial amplo, pero sen demasiado acceso á natureza, esa gran compañeira para os que vivimos no rural, e esa gran desexada para os urbanos.
Moitos concellos da comarca organizan Campamentos de verán para nenos. Os campamentos de Camariñas, da Deputación, os de Mazaricos, Malpica, ou os Vimicampamentos son bos exemplos municipaisl.
Pero na comarca hai un proxecto singular que destaca por riba de todos eles. Falamos da Escola de Verán do Couto, que arma a Fundación Eduardo Pondal. Son 130 nenos e nenas de toda a zona (O Couto, Ponteceso, Corme, Malpica, Baio, Carballo, Cabana, Laxe…) pero tamén de zonas como Arteixo ou a Coruña, os que disfrutan deste singular campamento estival. O único pago é a cota anual de 12€ de socios da Fundación.
Artesanía no cabazo da Escola de Veran do Couto
Xogando na agra da Fundacion Eduardo Pondal
Ao mando a ducia de monitores voluntarios que dan conta do gran traballo de canteira que fai a #AldeadasLetras, pois a meirande parte son rapaces que foron medrando coas actividades que facía a entidade, e agora fanno dende outro punto de vista.
Disgregados en grupos de idade, disfrutan diariamente de numerosas actividades: deportes, artesanía, pintura, teatro… Ata unha merenda a media mañá e mesmo un xantar para os que teñen que quedar ata o mediodía. Todo na marabillosa contorna da Fundación.
E todas as idades están cubertas, pois a Casa dos Veciños do Couto aprovéitase para facer de escoliña para os peques de menos de 3 anos.
Taller de radio na Escola de Veran do Couto coa Radio Roncudo e radiONeria
Cada semana ademais teñen unha visita especial. Esta semana tocou un taller de radio, da man dos colaboradores de Radio Roncudo e radiONeria, Óscar Rey Calo e Ubaldo Cerqueiro. Os rapaces máis maiores da escola primeiro traballaron os contidos para facer unha campaña cuñas de seguridade vial, despois grabárona e finalmente aprenderon a editala co programa Audacity, toda unha aprendizaxe singular.
https://www.facebook.com/radioneria/videos/1895264113829951/?t=3
En definitiva, a Escola de Verán do Couto é ese campamento de verán que todo o mundo querría ter ao seu redor.