Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Fundación Eduardo Pondal é galardoada co V Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura

A Fundación Eduardo Pondal é galardoada co V Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura
A Fundacion Eduardo Pondal Leva o V Premio Rosalia de Castro

Nunca mellor momento para que a Fundación Eduardo Pondal reciba un premio así. Mentres arrinca o Festiletras 2014, a entidade bergantiñá recibe con orgullo e merecemento e por unanimidade dos membros do xurado, o V Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura, que convoca a Deputación da Coruña.

Un premio que vai máis alá da propia Fundación, e que engloba a todos os colectivos cos que traballa man a man, como son a Asociación Monte Branco, a Asociación Cultural Inllar, o colectivo Con V de Valarés e a Asociación A Oliveira de Monte Branco.

Pouco hai que dicir que non teñamos repetido unha e mil veces da xente desta Aldea gala do Couto. Máis de 30 traballando en comunidade, formando, creando canteira e convertíndose nunha das referencias a nivel nacional en materia de educación alternativa.

Así o entende o xurado da área de Normalización Lingüística que preside a alcaldesa ceense Zaira Rodríguez. Segundo se explica na acta, optaron pola candidatura presentada polo Concello de Ponteceso “por reavivar, a partir da figura de Eduardo Pondal, o espírito do rexurdimento entendido como creación de futuro desde a tradición cultural galega”. Destacan tamén “a capacidade da Fundación de unir a enorme variedade de iniciativas e actividades dos concellos de Terra de Soneira e Bergantiños” e a “constancia no traballo de sensibilización e espallamento de todo o que implica a normalización cultural de Galicia”.

Apartado aparte merece o traballo normalizador da entidade, e salientan tamén “a súa labor en prol da promoción da lingua, do seu patrimonio e da cultura galega, así como a dignificación social e a súa contribución á galeguización de sectores de especial relevancia cultural”.

O acto de entrega do galardón, que conta cunha dotación económica de 4.500 euros, terá lugar nas próximas semanas.

Fundación Eduardo Pondal

A Fundación Eduardo Pondal naceu no ano 2008 coa filosofía de enaltecer a figura e obra do autor do himno galego, así como da cultura e a lingua galega, a formación de mozos e adultos e o desenvolvemento socioeconómico do contorno rural.
Desenvolve a súa actividade nos municipios de Ponteceso, Laxe, Cabana e Malpica, aínda que traballa en toda a provincia da Coruña.

Dende o seu comezo vén desenvolvendo unha interesante programación anual. Na memoria de actividades presentada na Deputación Provincial destaca un faladoiro semanal de debate sobre asuntos de actualidade, o traballo de recuperación da memoria local a través de testemuñas de persoas maiores ou a escola de verán para nenos de 3 a 15 anos durante os meses de xullo e agosto.

Outras actividades promovidas por esta entidade son o Festiletras, o certame de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor, ou a concesión dos premios aos Bos e Xenerosos.
A Fundación Eduardo Pondal forma parte da rede ACAMFE e foi premiada co Premio da Cultura Galega 2012 que concede a Consellería de Cultura. Ademais, está moi vinculada ao traballo doutras entidades culturais e sociais da comarca como a Asociación Monte Branco, a Asociación Cultural Inllar, o colectivo Con V de Valarés e a Asociación A Oliveira de Monte Branco.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios