Venres. 19.04.2024
El tiempo

Limiar de Alfredo Conde da novela "Como a roda no muíño": "Eu creo que Suso Lista é un escritor insólito""

Non saíu no mellor momento (publicouse o 28 de decembro de 2020) e iso provoca que a súa “ghamberra” novela apenas tivese un par de presentacións, en Corme e na Coruña. Suso Lista recoñece que se divertíu moitísimo escribindo “Como a roda no muíño” (Edicións Embora), polo que espera que pronto toque sacar a segunda edición, para a que xa ten ten pensado botarlle como prólogo este texto enviado polo escritor e político Alfredo Conde.

Libro Como a roda do Muino Suso Lista
Limiar de Alfredo Conde da novela "Como a roda no muíño": "Eu creo que Suso Lista é un escritor insólito""

BREVE LIMIAR PRÁ OBRA DUN NOVELISTA

Hailles moitas clases de escritores; por exemplo, os previsibles. Tamén os hai de curto alento, de poucos folgos. Aínda outros máis, como poden ser os de espírito de funcionario da literatura, enchen o copo co que se pescan estes peixes dos fondos abisais, porque a eles tamén se lles suman os escribidores, os que se apoian nun grupo ou pertencen a unha confraría que pode ser desto e máis doutro, os soplagaitas, que non é que abunden pero que algúns si que llos hai, como en toda profesión que se aprecie. Logo están os que poderiamos chamar os insólitos. Logo e a maiores, nun a parte que sería desexable que se extinguise, estanlles os que son consecuencia das moi variadas operacións de mercadotecnia, que duran o que duran e fan que, mentres que uns van, outros veñan e deles non quede nada. Nin sequera o máis triste recordo.

De aí ese desiderátum, ese soñar cun tempo que parece definitivamente ido suplantado que foi por estes da mercadotecnia, por estes dos ménages a tròis, ese balbordo ó que chaman ruído, e outras mediáticas cohabitacións pecaminosas. Algo así coma a traxicomedia dos Pantoja representada nese “patio de vecinos” titulado “Socialité”  que ten tanto eco como pra que os estudantes de xornalismo da universidade compostelá escolleran como madriña dunha das súas promocións á ferrolá María Patiño que é quen o dirixe. Por aí é por onde lles vai o mundo que habitamos.

Hai anos, cando uns seus compañeiros de económicas, escolleron a Mario Conde como o seu padriño de promoción, non caemos na conta da sociedade que se nos anunciaba con tal e moi estudada decisión. Agora, cando os rapaces -os rapaces galegos que son donos das mellores cualificacións  resultantes do ensino medio- escollen a tan egrexia dama, xa nos podemos ir imaxinando a sociedade que está a agardar por todos nós á volta duns poucos anos. 

Pero comezamos falando dos escritores previsibles, volvamos a eles. Os escritores previsibles sonlles de moitos tipos. Tantos tipos que ó par deles poden ser inscritos os restantes. Os que actúan coma os lobos, os das confrarías e as mandas de raposos, por exemplo; tamén os escribidores e os funcionarios da cultura, que haber hainos. Pero de todos eles os máis sobranceiros sonlles os previsibles porque abranguen todas as categorías. 

Os previsibles, sexan destes ou daqueles, adoitan beber os viños ou baixar as cervexas sempre xuntos nos mesmos bares, ás mesmas horas dos mesmos días; dan aulas tamén e máis ou menos ás mesmas horas, as veces incluso no mesmo centro, ligan coas mesmas mozas, divórcianse delas e volven casar coas que se divorciaron ou separaron dos anteriores, seguen lendo os mesmos libros e fano de xeito que a súa actividade constitúe un circo vicioso do que so conseguen saír uns poucos afortunados que son quen de romper barreiras escribindo cousas interesantes. Previsibles, si. Pero interesantes e ben feitas.

Con vida e alento propios e distintos do que o habitual en funcionarios da cultura, que de todo hai na viña de El-Señor e bo é que así suceda posto que ben sexa por decantación, ben sexa por proceso de peneira, ben polo de sedimentación, a Literatura se vai nutrindo daquilo que realmente resulta alimenticio; alimenticio prá alma, nutritivo.

Por aí adoitan ir os tiros cos escritores previsibles na súas distintas cualificacións e habilidades. Quédannos os escritores insólitos, os que van por libre e non se suxeitan nin a tribo, nin a parroquia ou confraría ningunha, de xeito que sempre nos sorprenden. Fano abríndonos fiestras que nos permiten axexar mundos que, sen eles, nunca chegariamos a percibir. Son os  escritores ós que, dende entón, dende esa epifanía, deberemos permanecer máis atentos. Son aqueles escritores ós que deberemos recorrer cando a realidade se nos atravese e nos fira nos nosos puntos máis sensibles e vitais.

Como distinguir a estes daqueles? Nun relato escrito por un dos previsibles un burro pode falar, claro que si; como non vai poder? Pero no dun escritor insólito ese burro, ademais de falar, razoa e pensa. E razoa porque le. Nun relato dos previsibles, os cans poden ser leais, intelixentes e bos, e dispor de habilidades varias; pero os cans dun escritor insólito, a maiores de todo iso, poden ser suicidas ou funambulistas e sentar cátedras que impliquen unha serie de consideracións, unha serie de variables que nos empuxen a axexar camiños non sempre frecuentados ata ese xusto momento. Os lectores deste prólogo han ser os que decidan, unha vez concluída a súa lectura e afrontada a de "Como a roda no muíño", se Suso Lista é un escritor insólito. 

Suso Lista bebe cervexa nos bares, padalea o viño novo cando cumpre, sabe do vello cando está a piques de se acabar e nos agasallan con él nos furanchos que, na ría de Pontevedra, son chamados loureiros. Pero ademais viu o mundo, catou insólitas bebidas por el adiante, deulle un par de voltas á vida, acumulou sabedoría, participou doutras artes que hoxe enriquecen o exercicio da súa literatura e, a altura dos seus anos, dispón de vivencias, de experiencias tantas e variadas que o monótono e lánguido, esmacelado, vivir dos previsibles privou a estes da alegría de saber que o mundo, sendo longo e alleo, pode resultar próximo e habitable; é dicir, que a realidade é máis xenerosa ca que se desprende diso que poderiamos chamar o ben acompasado e monótono fungar que, dun xeito ou doutro, a todos nos envolve. País pequeno inferno grande.

Eu creo que Suso Lista é un escritor insólito, dono dun mundo propio e quen de nolo trasladar a través da súa escrita abríndonos esas fiestras ás que se aludiu un pouco máis enriba destas liñas. Lelo sempre foi pra min un gozo do que, tamén sempre, puiden tirar consecuencias e aprendizaxe; unha epifanía, un anuncio de que todo é sempre mellorable se o sabemos ver coa mirada libre e atenta coa que se deben recorrer as apertadas liñas da súa escrita.

Así que este é o momento de que, sabendo do que pode ir a cousa, o lector que ata eiquí chegou, afronte a lectura desta nova entrega, consistente nunha ambiciosa novela que consagra a Suso Lista, ó Suso dos relatos de "Charamuscas" e de "Salseiros, nun novelista quen de organizar un cosmos coma o que el abrangue nesta nova obra.

Trátase dunha novela longa, oceánica, que me permite a min remitirme ó prólogo de "Salseiros" outro e anterior libro do mesmo autor sempre namorado do seu Corme. Nel, comezaba afirmando que "Suso Lista é un mestre do relato, da narración curta, cortada a navalla. Poucos coma el, ningún en Galicia, por suposto". Manteño o dito. Pra iso me remitín oó xa escrito.

Agora disimúlenme a auto cita, valeume pra confirmarlle ó lector que o que ten na man é un relato longo, unha longa narración, da que é seguro que ha obter comigo a mesma conclusión das súas entregas anteriores. Suso é agora un novelista dos de corpo enteiro.

  • Alfredo Conde. Na Casa da Pedra Aguda, o 30 de outubro do 2021.

Comentarios