Mércores. 23.10.2024
El tiempo

O alumnado do IES Eduardo Pondal retrata coas súas cámaras as profesionais do noso mar

Exposicion Fotografica IES Ponteceso
O alumnado do IES Eduardo Pondal retrata coas súas cámaras as profesionais do noso mar

Fermoso proxecto interdisciplinar que desenvolve ao longo do curso o IES Eduardo Pondal de Ponteceso. A través das materias de Xeografía e Historia, Física e Química e Expresión Aritística, coordinadas dende o Proxecto Competencial de 4º ESO, o alumnado leva mergullada nun proxecto do Plan Proxecta de "Fotografía en curso", da Consellería de Educación.

A través de diferentes prácticas fotográficas, retratan o espazo pontecesán e a súa contorna a través das xanelas, dos espazos baleiros e tamén a través das vivencias das súas persoas máis queridas, os seus maiores, foron dándolle forma ao proxecto.

O obxecto de estudo deste foron as profesións vinculadas ao mar, concretamente nas vilas desta área; Corme, Malpica, Laxe e Cabana de Bergantiños, que foron capturando coas súas cámaras. Para o desenvolvemento deste traballo contaron coa colaboración de redeiras, mariñeiros, percebeiras, carpinteiros de ribeira, dos que recollemos nesta mostra tanto imaxes como testemuños do seu traballo, cunha meta final: a de dar visibilidade ao noso sinal de identidade, o mar.

A inauguración da exposición será o vindeiro mércores 19 de xuño ás 12:00 na Fundación Eduardo Pondal no Couto, Ponteceso, e poderá visitarse dende esa data ata o 6 de setembro.

En francés

Paralelamente, e como vén sendo habitual nos últimos anos, o Departamento de Francés do centro pondaliano preparou o alumnado de francés para as probas do DELF Scolaire, certificación oficial expedida polo Ministerio de Educación Nacional de Francia, que permite acreditar a competencia comunicativa en francés tanto a nivel nacional como internacional.

Na convocatoria deste ano cómpre felicitar a Lucía Rivera Couto, Chloé Couto Villarreal, Brenda Rodríguez García e Kelly Verissimo Souto, que acadaron os niveis B1 e B2 respectivamente.

Comentarios