Carballo e Ponteceso tamén afían as súas campañas de trampeo contra a invasión da velutina

En marcha están os Concellos de Corcubión, A Laracha, Dumbría o Zas coas súas campañas de trampeo contra a avespa velutina, unha das especies invasoras máis perxudiciais para o noso equilibro medioambiental. Tamén os Concellos de Carballo e Ponteceso se poñen en marcha.
Cómpre lembrar que a campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. En canto aos niños que poidan ir aparecendo, lembra que os avisos deben realizarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.
Carballo, concello pioneiro na loita
Aproveitou o Concello de Carballo este comezo de campaña para facer balance dos seus 8 anos de loita contra a especie invasora. O Concello foi pioneiro en Galicia ao poñer en marcha no ano 2017 a primeira campaña de trampeo da avespa velutina, e dende aquela foron capturadas 112.562 avespas no concello. O ano de maior incidencia da praga foi o 2021, no que caeron nas trampas un total de 32.391 exemplares. Aínda que desde ese ano houbo un descenso, as cifras seguen a ser moi elevadas e no 2024 acadáronse as 17.203.
O Concello agradece a implicación da cidadanía, xa que cada ano contamos con máis de 200 voluntarios e voluntarias, que volverán ser necesarias. Así, invitan a que as persoas interesadas poden achegarse ata as instalacións da empresa Plaguiber (rúa Brasil, número 27) para inscribirse e recoller, de balde, a trampa e o líquido atraente, do que levan distribuído 6.481 litros en cinco anos. As persoas participantes só teñen que comprometerse a informar periodicamente sobre as capturas que realicen e a devolver as trampas unha vez rematada a campaña.
Campaña en Ponteceso
Tamén o Concello de Ponteceso pon en marcha a campaña de trampeo primaveral. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ponteceso está a instalar trampas en puntos estratéxicos das catorce parroquias do concello,priorizando espazos verdes, parques e prazas públicas.
Ademais, co obxectivo de fomentar a participación activa da cidadanía nesta loita contra a vespa velutina, o Concello habilita un formulario
en liña para que as persoas interesadas poidan solicitar trampas e líquido atraente.
A distribución do material terá lugar este venres 21 de marzo de 2025, ás 12:00 horas, no salón de plenos do Concello de Ponteceso. Durante o acto de entrega, proporcionarase información sobre o correcto uso das trampas e a súa colocación en lugares axeitados para maximizar a efectividade.