A campaña contra a velutina en Corcubión comeza no cole

Singular inicio da Campaña de Trampeo da Avespa Velutina no Concello de Corcubión. Este mércores, o CEIP de Corcubión acolleu o acto de inicio da Campaña, tratando así de implicar á comunidade educativa na loita contra esta especie invasora, que ten un gran impacto no noso ecosistema.
O evento, organizado pola Concellería de Urbanismo, Medio e Sustentabilidade, contou coa presenza do Concelleiro, Francisco Santiago López, quen impartiu unha charla didáctica e amena aos alumnos e alumnas de 3º a 6º de Primaria. Durante a sesión, os máis novos puideron coñecer de primeira man o problema ambiental que supón a avespa velutina, así como as medidas para controlar a súa propagación.

O Concelleiro explicou de forma sinxela e práctica como preparar as trampas e cal é a composición do líquido atractivo para capturar a estas voraces invasoras. A charla, moi ben recibida polo alumnado, serviu tamén para conciencialos sobre a importancia de protexer a biodiversidade local.
O acto rematou cunha parte práctica, na que se instalaron e activaron dúas trampas nas árbores dos xardíns do centro educativo. Esta acción simbólica marca o inicio dunha campaña que se estenderá durante os próximos meses e na que se espera a participación activa de veciños, asociacións e centros educativos de todo o concello.