Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Coñecendo Ponteceso a pé

Coñecendo Ponteceso a pé
visitas-guiadas-ponteceso Un grupo do IV Cilo da USC percorreron o pasado os puntos máis emblemáticos do municipio Para dar a coñecer o municipio dun xeito ameno, didáctico e saudable, o concello de Ponteceso vén de poñer en marcha un programa de visitas guiadas. E o arranque non puido ser mellor. Uns 150 estudantes do CPR Santa Margarita de A Coruña visitarán a zona ao longo destes días. Precisamente hoxe virán os primeiros/as excursionistas. Unha expedición formada por 90 nenos e nenas acompañados/as de 7 profesores/as, realizará a ruta literaria pondaliana “Val Nativo” para descubrir algúns dos lugares que inspiraron a obra do bardo Pondal. Trátase dun percorrido a pé desde Ponteceso ata a praia de Balarés polo roteiro homologado PR-G 148. A continuación, farán un alto no camiño para xantar na contorna do areal e, arredor das 15:00 horas, rematarán a súa estancia no concello cunha visita ao Monte Branco. Ao día seguinte, será a quenda dos maiores. 48 alumnos e alumnas de bacharelato do centro coruñés repetirán experiencia e, seguindo os pasos dos seus compañeiros, sorprenderanse coas anécdotas e curiosidades que agocha o camiño. Os/as que xa estiveron visitando o noso municipio foron os/as participantes do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, que o pasado sábado realizaron unha visita guiada a algúns dos lugares más emblemáticos da localidade. Acompañados/as polo técnico de turismo municipal, Javier Couto, pola mañá achegáronse ata o MELGA, onde puideron revivir xogos e xoguetes da súa infancia xunto ao seu director, Ricardo Pérez y Valdés. Tras un paseo polo malecón do Couto e o esteiro do río Anllóns, os 25 sendeiristas xantaron nun restaurante local e, xa pola tarde, completaron a súa estancia cunha excursión ao Monte Branco, o Cabo Roncudo e Balarés. Como participar Desde a Concellería de Turismo lembran que para participar nesta iniciativa só é preciso descargar o formulario de solicitude para grupos, entidades ou centros escolares que se atopa na web municipal (www.ponteceso.gal), cubrilo e mándalo por correo electrónico a [email protected]. Nun prazo de tres días recibirán resposta. A actividade é de balde e o único requisito esixido é superar os 15 participantes.

Fonte

Comentarios