O “déficit estrutural de persoal” na Atención Primaria, a excusa perfecta
Enviaba unha carta o pasado 7 de decembro a Asociación de Veciños “Eduardo Pondal” de Corme á Xerencia da Área Sanitaria, trasladando a súa preocupación pola falta de substitución polas vacacións do facultativo da Casa do Mar de Corme.
A veciñanza lembra que a meirande parte da poboación cormelá é maior, polo que o traslado de 10km ata Ponteceso que propón o Sergas “ocasiona molestias a este colectivo ou, na maioría dos casos, non poderá acudir por non teren nin transporte público a esas horas nin forma de acudir se non é collendo un taxi”.
”O rural non pode permitirse o desmantelamento dos poucos servizos cos que contamos e cremos que non é de recibo que non se poida substituír a un médico nas súas vacacións de dereito e necesarias para calquera persoa”, sentenza na misiva o presidente da entidade, Antón Vidal Saleta.
Semanas despois, o 22 de decembro, Luís Verdes, o xerente da Área Sanitaria da Coruña, respondía a carta argumentando que “a categoría de facultativos de atención primaria vense producindo un déficit estrutural de persoal nas listas de vinculación temporais, habitualmente esgotadas, facendo difícil e, en bastantes ocasións, imposible, a substitución das ausencias”.
Verdes asegura que “nestes casos a Administración vese obrigada a buscar fórmulas alternativas, tales como acumulación de cotas médicas, prolongación de xornada de profesionais, intersubstitucións ou bloqueos das axencias médicas en días”.
Unha resposta vista como excusa pola meirande parte da poboación.