Martes. 23.04.2024
El tiempo

E Rosalía premiou a Pondal

E Rosalía premiou a Pondal
Premio Rosalia para a Fundacion Eduardo Pondal A Fundacion Eduardo Pondal Leva o V Premio Rosalia de Castro

Xa o sabíamos dende maio, pero hoxe tiña lugar a entrega do premio que a Deputación outorga á Fundación Eduardo Pondal o V Premio Rosalía de Castro de Lingua e Literatura.

A encargada de ofrecer o galardón foi a vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, que se desprazou ata a sede da mesma en Ponteceso. Alí e acompañada por outros deputados coma a responsable da área de Normalización Lingüística, Zaira Rodríguez, destacou o traballo que desenvolve esta entidade na comarca de Bergantiños.

“Ademais traballades da man doutras asociacións da zona, implicándovos por completo na vida social e cultural da comarca”, declarou a vicepresidenta, e engadiu que “a Fundación tiña máis que merecido este galardón”.

O responsable de recoller o premio foi o presidente da Fundación Eduardo Pondal e alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar, que agradeceu o recoñecemento da Deputación con este premio dotado dende o ano pasado con 4.500 euros.
A gala rematou coa interpretación dunha peza musical dedicada a Rosalía de Castro, “No bico un cantar”, cantada por 20 nenos, nais e avóas da zona coma mostra de colaboración interxeneracional.

Os rapaces da Fundacion Eduardo Pondal interpretando No Bico un Cantar Os rapaces da Fundacion Eduardo Pondal interpretando No Bico un Cantar

Os motivos

Nesta edición o certame fallouse por unanimidade e,segundo se explica na acta, o xurado optou pola candidatura presentada polo Concello de Ponteceso “por reavivar, a partir da figura de Eduardo Pondal, o espírito do rexurdimento entendido como creación de futuro desde a tradición cultural galega”.

Ademais, salientan a capacidade da Fundación “de unir a enorme variedade de iniciativas e actividades dos concellos da Terra de Soneira e Bergantiños” e tamén a súa “constancia no traballo de sensibilización e espallamento de todo o que implica a normalización cultural de Galicia”.

I é que a Fundación Eduardo Pondal naceu no ano 2008 coa filosofía de enaltecer a figura e obra do autor do himno galego, así como da cultura e a lingua galega, a formación de mozos e adultos e o desenvolvemento socioeconómico do contorno rural. Desenvolve a súa actividade nos municipios de Ponteceso, Laxe, Cabana e Malpica, aínda que traballa en toda a provincia da Coruña.
Dende o seu comezo vén desenvolvendo unha interesante programación anual. Na memoria de actividades presentada na Deputación Provincial destaca un faladoiro semanal de debate sobre asuntos de actualidade, o traballo de recuperación da memoria local a través de testemuñas de persoas maiores ou a escola de verán para nenos de 3 a 15 anos durante os meses de xullo e agosto.
Outras actividades promovidas por esta entidade son o Festiletras, o certame de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor, ou a concesión dos premios aos Bos e Xenerosos.

A Fundación Eduardo Pondal forma parte da rede ACAMFE e foi premiada co Premio da Cultura Galega 2012 que concede a Consellería de Cultura. Ademais, está moi vinculada ao traballo doutras entidades culturais e sociais da comarca como a Asociación Monte Branco, a Asociación Cultural Inllar, o colectivo Con V de Valarés e a Asociación A Oliveira de Monte Branco.

Novas relacionadas

Fonte

  • Deputación.

Comentarios