Luns. 25.01.2021
El tiempo

Un muro de vimbio para manter viva a aldea abandonada de Candelago

Muro de vimbio realizado en Candelado baixo a dirección de Lola Tourón
Muro de vimbio realizado en Candelado baixo a dirección de Lola Tourón
Un muro de vimbio para manter viva a aldea abandonada de Candelago

Dinamizar a singular aldea de Candelago foi un dos obxectivos do obradoiro de cestería aplicada á horta artellado pola Asociación para o Coidado da Terra Carabel das Cabras. Unha xuntanza especial, no marco dunha das aldeas que mellor conserva a arquitectura tradicional rural pero que se atopa en absoluto estado de abandono. Casas, cabazos, cañeiras, corredoiras, valados que corren o risco de desaparecer, e de aí que a entidade se decidise a armar actividades para intentar recuperar “un lugar con valor histórico e patrimonial que conforma unha unidade territorial onde a aldea, as fincas e o monte, son un elemento identitario característico do pobo de Corme”.

Foi a mestra cesteira Lola Tourón a que guiou, o pasado sábado, a un grupo de 10 persoas na construción dun valado natural para pechar unha horta xestionada pola Asociación. Canas de bambú, pólas de vimbio, lianas de hedra ou pólas de salgueiro foron os materiais naturais propios da contorna que se empregaron para a elaboración desta pequena gran obra de arte natural.
Durante a xornada aproveitouse tamén para fortalecer unha pontella de madeira que permite o paso no Rego das Cabras, e dá acceso á granxa que tamén xestiona a Asociación.

Asociación para o Coidado da Terra Carabel das Cabras

A entidade leva 5 anos traballando na zona dende que as tres mulleres que a forman localizaron unha das derradeiras granxas de cabras desta zona e que se encontraba en estado de abandono. E precisamente nesa idea reside a base do proxecto, para convertila “nunha granxa multifuncional que a un tempo acolle a vontade de ser dinamizadora cultural, social e territorial cun marcado carácter pedagóxico ligado ao mundo rural”.

Este é o mellor xeito que teñen estas bravas mulleres para “custodiar o territorio, recuperar terras en estado de abandono, e facer así labores de limpeza do monte susceptible de ser pasto do lume, ademais de favorecer a posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial deste lugar da Costa da Morte”.

Quen nun tempo a construíu e traballou foi a pastora e percebeira Carmen de Carabel, de Corme. E xunto coas tamén últimas cabras de Sabino, o último pastor das terras do Roncudo, as novas poboadoras deste territorio iniciaron esta andaina.

Agora son tamén José, Carmen, Pepe, Manolo… e outras tantas persoas os que apoian o “proxecto integral de revitalización do lugar”, que se atopa “en proceso de legalización, pendente despois de máis dun ano de tramitación, da obtención da licenza municipal que permitan avanzar nos traballos de rehabilitación da granxa, de xestión das terras, de conservación dos bens materiais e inmateriais e de promoción dunha vida saudable e conectada co medio que rodea”.

Mentres, Carabel das Cabras seguirá dinamizando o lugar, e de feito, por Candelago xa teñen pasado a deixar o seu legado musical, Ugia Pedreira e As Erikas e Peluxías; téñense realzada traballos de poda con Amancio Lavandeira; ademais de realizazo fornadas, festexos e traballo comunitario coa veciñanza.

comentarios