Domingo. 28.04.2024
El tiempo

A Cova Céltica da Fundación Eduardo Pondal sumerxiuse nun San Xoán de tradicións

A Cova Céltica da Fundación Eduardo Pondal sumerxiuse nun San Xoán de tradicións

A celebración da festividade do San Xoán deste todos os puntos de vista e desde a tradición cultural europea foi o tema a debater na última Cova Céltica que cada mes celebra en Ponteceso a Fundación Eduardo Pondal. A mesa redonda, que foi coma sempre gravada en vídeo por Sofía González, estivo composta polos investigadores Luís Giadás Álvarez, Evaristo Domínguez Rial e Javier Couto Castro, xunto con Xosé Manuel Varela quen actuou de moderador da mesma.

Luís Giadás remontouse á época romana para descubrir as orixes da celebración do San Xoán. Ademais, realizou un repaso de manifestacións case iguais ou semellantes en países europeos como Alemaña, Francia ou a península de Escandinavia. Como dato curioso citou que hai anos, na actual praza de España, xa de novo Campo da Leña, da Coruña, se descubrira un cemiterio que pertencía á primitiva parroquia da cidade herculina: a parroquia de San Xoán. Da cal hoxe só se conserva o nome dunha rúa. Por último, recordou as distintas manifestación do San Xoán na comarca de Bergantiños salientando os aquelarres das noites das meigas que se celebraban no cume do monte Neme, acto ó cal acudían bruxas de comarcas limítrofes.

Evaristo Domínguez realizou un pequeno recitado de cantigas, frases feitas e refráns que ten recollidas nun traballo de catalogación de literatura oral da parroquia de Agualada (Coristanco) e veciñas. Ademais, recordou un interesante anecdotario de como se celebraba a noite de San Xoán na súa parroquia natal: San Cremenzo de Pazos, en Zas.

Por último, Javier Couto Castro salientou que nas noites de San Xoán da parroquia de Cerqueda predominaba o espíritu de xuntanza colectiva dado que era esta noite unha das múltiples ocasión nas que se xuntaban distintas xeracións dunha mesma parroquia para compartir conversa, música e mesmo gastronomía.

O sábado rematou para a Fundación Eduardo Pondal cunha noite de lume e cultura no Campo do Río de Anllóns na que se recordou o 150 aniversario da publicación do poema “A campana de Anllóns”.

Novas relacionadas

Comentarios