Os camiñantes foron unha fin de semana máis os protagonistas
Impresionante fin de semana para andar. Así o entenderon centos de veciños que protagonizaron varias saídas a pé para coñecer a bisbarra. Esta fin de semana tivo lugar a 2ª Etapa do camiño dos Faros, unha Andaina por Vimianzo e unha etapa do Camiño de Santiago dos veciños de Zas. Imos repasando como foi cada unha.
O Camiño dos Faros non para...
O domingo 12 de maio 30 trasnos e 2 trasniñas de 13 anos saíron da Praia de niñóns ás 10 da mañá. Xentes de Ponteceso, Carballo, Coristanco, Malpica, Baio, Cee, Zas, Coruña, Arteixo, Boiro, Cambados, Vilagarcía, Monforte, Vigo, Santiago, Alemania, Paraguay e algún que seguro nos esquecemos volveron ser Traskis e quixeron gozar doutro paseo pola Costa da Morte.
Durante o traxecto estivo tamén Xavier Couto, técnico de turismo do Concello de Ponteceso. Todos comentaron varias posibles melloras na ruta, e quedaron en verse de novo para definilo mellor, que unha boa ruta ben sinalada é boa para todos.
Por diante unha etapa longa e que ten moito potencial de mellora. Foron 29 quilómetros entre a Praia de Niñóns e Ponteceso, onde os caminantes puideron contemplar moita variedade de paisaxes, como sempre sucede neste Camiño dos Faros.
O principio da etapa era o máis duro. Desde a Praia de Niñóns un tramo de subida continua entre bosques de piñeiros e eucaliptos ata chegar ao monte Faro, onde os que quixeron puideron subir á Torre do Faro de Brantuas, con vistas espectaculares. De alí ao Roncudo, pola pista que percorre o parque eólico de Corme, parando no Petón da Campaíña, petroglifo único pola súa natureza, situado nunha posición dominante sobre a contorna, mirando cara a ríaa e ben conservado grazas ao abrigo da formación granítica que o acubilla.
Desde alí comezaron a "peregrinaxe' pola pista de terra que atravesa todo o Roncudo camiño do faro, pasando a pequena aldea, exemplo de arquitectura tradicional, con base na mesma pedra e totalmente adaptada ás crúas condicións meteorolóxicos dos invernos e chegamos a Candelago, unha fermosa aldea abandonada onde fixeron unha parada para repoñer forzas.
Xa coa ría de Corme e Laxe sempre á vista chegamos a outro dos puntos craves da etapa, o faro do Roncudo. O nome vén dado polo ruído rouco do mar cando rompe neses acantiladso. A sencillez do faro, construído en 1920 e cunha altura de 11 metros e a contorna, rodeado de pedras de granito e unha paisaxe agreste, fano aínda máis misterioso.
Dende aí, volta por unha ruta que practicamente coincide coa Ruta da Ribeira (GR-148), polas praias do Osmo e A Hermida e a Pedra da Serpe, praia de Valarés, as espectaculares Monte Branco ao Esteiro do Anllóns...
Polo Malecón de Ponteceso chegaron á vila de Pondal por diante da súa casa, onde rematou esta segunda etapa en común.
O Castro das Barreiras e a Cerca de Carnés protagonistas da andaina do concello de Vimianzo
O pasado sábado 121 sendeiristas saían da praza do concello arredor das 10 da mañá, dispostos a enfrontarse a unha ruta polas alturas dos montes de Vimianzo, guiados por Víctos Santos, técnico municipal de deportes. Aínda que as nubes ameazaban chuvia o grupo colleu camiño cara ao Castro das Barreiras, un asentamento castrexo situado en pleno Val de Vimianzo, no lugar de Ogás, onde o historiador Pablo Sanmartín levounos ata a Idade do Bronce coas explicacións sobre as excavacións realizadas no xacemento castrexo da man do arqueólogo Tito Concheiro.
Unha vez fóra das Barreiras castrexas chegaba o momento de iniciar camiño cara aos Montes do Faro e da Vela, cunha pronunciada subida desde onde se pode ver todo o val de Vimianzo. Logo de atravesar o desmonte por onde pasará a futura autovía da Costa da Morte seguiron subindo ata acadar a vista do outro lado da ría de Camariñas.
Continuaron camiño polos montes de Montecelos, xa na parroquia de Carnés, onde tiveron como testemuñas do camiño a gran cantidade de vacas que pacen por estas ladeira. Ás 13.45 chegabamos ao punto final da andaina. a famosa Cerca onde cada 9 de xullo se reúnen centos de veciños, veciñas e visitantes degustar os callos da Faguía, festa declarada de interese turístico de Galicia no ano 2010. E, como non podía ser doutro xeito, o concello agasallou aos participantes cuns callos elaborados para a ocasións nas potas da Cerca, as mesmas que se empregan o día da festa. Tres potas de callos das que se deu boa conta, logo de percorrer os costentos 14 Km en menos de 4 horas.
Máis peregrinos de Zas
Volven ao Camiño os "peregrinos" de Zas un ano máis. Esta pasada fin de semana xa fixeron a 2ª etapa do camiño de Santiago a pé dende Ourense.
A 3ª etapa terá lugar o sábado, 25 de maio.
Vindeira ruta
O próximo sábado a quenda será do concello de Corcubión, cunha andaina cun percorrido circular pola península de 14 Km, percorrendo un tramo do camiño xacobeo ata A Amarela, visitando a igrexa románica de San Pedro e os cabazos da Redonda. O prazo de inscrición remata o 16 de maio.
- Ruta por Corcubión no marco das a href="/articulo/muxia/as-andainas-invaden-a-costa-da-morte/20130424072302072647.html">Andainas Costa da Morte.
Ademais, o II Roteiro Circular "Para non perderse" vaise realizar o sábado 18 de maio desde as 10:00 horas con saída e chegada no lugar do Pindo, mentras non se comunique o contrario.No caso de que se entenda que se darán condicións meteorolóxicas que desaconsellan a súa realización por non garantir as necesarias condicións de seguridade para os participantes, entre as 18:00 e as 22:00 horas do día 17 como límite avisarán os organizadores da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
Máis información
Novas relacionadas
- De ruta en ruta polo litoral costeiro.
- O Camiño dos Faros ábrese ao mundo.
- As Andainas invaden a Costa da Morte.
- Coa primavera comezan as citas co sendeirismo.
- 5 Andainas por Ponteceso, Muxía, Vimianzo, Corcubión e Camariñas para coñecer a Costa da Morte a través do sendeirismo.
- Percorrendo a pé, e con Traski, o Camiño dos Faros da Costa da Morte.
- Javier Couto: “O turista cada día é máis esixente, e cada vez pide máis sendeirismo”.
Máis novas
- Os Camiños do Mar lévannos a Ponteceso.
- Xeocaching: En busca do tesouro agochado.
- Facendo cumio do Roteiro das Peixeiras do Monte Pindo.
- Roteiros homologados na Costa da Morte?.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).