Mércores. 11.09.2024
El tiempo

Pondal e Labarta Pose toman o Congreso dos Deputados

Pondal e Labarta Pose toman o Congreso dos Deputados
https://www.facebook.com/ricardo.garcia.mira/videos/10214916762897754/

Nunca tal se viu. Nunca o Congreso dos Deputados do goberno estatal tratara un asunto sobre a literatura da Costa da Morte. Foi o deputado socialista Ricardo García Mira o que levaba unha iniciativa ”para que o Goberno apoie os actos de conmemoración do centenario do pasamento do intelectual escritor e poeta pontecesán Eduardo Pondal, e o apoio e colaboración coa difusión da obra do tamén escritor e poeta baiés Enrique Labarta Pose”. A proposición non de lei recibiu o apoio da unanimidade dos deputados dos distintos grupos políticos, algún deles non sen esforzo.

Unha gran nova, sen dúbida, para a identidade social e cultural de Galicia e da Costa da Morte. “Pondal e Labarta son hoxe destacados como representantes da literatura que non poden ser esquecidos. O legado de Pondal, que deu letra coa súa poesía Os Pinos, á música de Pascual Veiga, constitúe o elemento estructural máis importante que un escritor pode deixar nun territorio”, recoñece Mira sinalando que “erguerse e cantar o himno galego constitúe un acto de identidade que da conta do sentimento nacional na súa máxima expresión de respecto polo sentido do común dun pobo”.

Pola súa banda, para Mira, “Enrique Labarta foi un auténtico pioneiro da literatura na Costa da Morte e a súa figura é profundamente admirada desde todos os estratos sociais. A contribución de Labarta ao xénero humorista constituíu un auténtico mecanismo de compensación para un pobo que incorporou os seus relatos como parte da súa identidade local e da súa adaptación a un entorno difícil e moi proactivo social e culturalmente”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios