Ponteceso pon en marcha unha campaña de control de fincas para previr os incendios forestais
08:07 07/06/18
O GES de Ponteceso identificará a titularidade dos terreos para que se cumpran as obrigas de limpeza e conservación
Co verán ás portas, e con el a época de maior risco para os incendios forestais, o concello de Ponteceso a través do Grupo de Emerxencias Supramunicipal - GES - acaba de poñer en marcha unha campaña intensiva de vixilancia e control de fincas, tanto no núcleo urbano como nas zonas rurais do municipio, para a prevención de incendios forestais durante os meses de verán.
Ademais do envío de 9.000 cartas informativas aos titulares das propiedades, unha das primeiras medidas adoptadas esta mesma semana está a ser a identificación da titularidade dalgúns terreos para proceder ao cumprimento, por parte dos
propietarios, das obrigas de limpeza e conservación dos mesmos respectando as franxas obrigatorias de xestión de biomasa vexetal e retirada de árbores, que establece a Lei 3/2007 da Xunta de Galicia. Grazas á colaboración veciñal, os primeiros
froitos non se fixeron esperar.
O GES de Ponteceso iniciou na parroquia de Anllóns os traballos de vixilancia das parcelas que no Catastro figuran a nome do concello, con titular descoñecido ou en investigación. Grazas ás achegas dos veciños e veciñas da zona logrouse clarexar e
determinar a propiedade privada dalgunhas desas fincas e montes, cuxos titulares poderán iniciar agora os trámites para inscribilas debidamente. Neste sentido, os veciños e veciñas que o desexen poderán cotexar a información relativa as súas fincas na páxina web de catastro a fin de modificar e/ou corrixir posibles erros.
“Isto demostra que a campaña que está a levar a cabo o concello de Ponteceso serve tamén para actualizar os datos catastrais”, indicou o alcalde, Lois García Carballido. Durante os meses de verán, o concello de Ponteceso continuará desenvolvendo novas
accións de control nas zonas urbanas e rurais do municipio para facer un seguimento daquelas parcelas que incumpran o deber de limpeza no tramo dos 50 metros de vivendas e outras edificacións, procedendo, se fose necesario, á execución forzosa a
través de multas coercitivas. Pola súa banda, o alcalde apela á colaboración veciñal para protexer o patrimonio natural e evitar posibles danos e prexuízos na contorna.
Artigos relacionados
- ATRIFOGA esixe a ampliación do persoal antiincendios ante a falta de compromiso da Xunta
- ATRIFOGA volve denunciar o desmantelamento do Servizo Público contra Incendios co novo despedimento de 25 traballador@s na bisbarra.
- Onde está a orixe da vaga de incendios?.
- Desprofesionalizando o Servizo contra incendios dende o primeiro eslabón da extinción.
- A Deputación da Coruña implantará a Xestión Directa dos Parques de Bombeiros.
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Ponteceso