Mércores. 21.08.2019
El tiempo

ENTREVISTA

Diana Varela Puñal: "Sempre é necesario que a xente lea máis, e particularmente poesía"

A poeta Diana Varela Puñal é natural de Corme (Ponteceso), aínda que actualmente reside na Coruña.
A poeta Diana Varela Puñal é natural de Corme (Ponteceso), aínda que actualmente reside na Coruña.
Diana Varela Puñal: "Sempre é necesario que a xente lea máis, e particularmente poesía"

'Non, amor" é o último libro da avogada e poeta costeira Diana Varela Puñal (Corme-Porto, 1981), un poemario que cadaquén pode ler como queira, pois inclue versos en papel pero, tamén, en formato audiovisual. Un xeito innovador de facer poesía co que Diana pretende achegarse ao público máis novo. Falamos con ela da súa traxectoria profesional, dos seus videopoemas e das lembranzas que garda da súa infancia na Costa da Morte.

  • Es avogada de profesión e convertícheste, tamén, nunha gran escritora. Que foi antes, a vocación literaria ou a profesional?

Sempre tiven claro que quería ser escritora, de feito é das poucas cousas das que nunca dubidei. A profesión de avogada escollina porque certamente gústame o exercicio da avogacía como modo de vivir, pero a miña vocación é a literaria.

Hai escritores aos que volvo sempre: Rosalía de Castro, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro...

  • Se falamos da Diana escritora, algún autor que teñas como referencia?

Teño varios, en cada momento da miña vida teimo en certas lecturas, pero hai escritores aos que volvo sempre: Rosalía de Castro, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Camus, Kafka, Lorca, Claudio Rodríguez... son algúns dos autores que máis me teñen marcado.

  • Comezaches publicando poesía, pero tamén deches o salto á narrativa e ao teatro. Hai algunha razón que te levase a este cambio de xénero?

A miña forma de pensamento sempre se inclina á expresión poética, aínda que o faga desde outros xéneros. Tanto na narrativa como no teatro percibo o mesmo fío poético que me incita a escribir un poema.

  • Na túa última publicación, ‘Non, amor’, decidiches transformar varias das composicións da obra en pezas audiovisuais. Ti mesma tes afirmado que o fixeches co fin de conectar coas xeracións máis novas.

A poesía é música, por iso coido que a video-poesía non é ningún invento novo, senón usar as tecnoloxías das que dispoñemos para facer o que sempre se fixo, que é recitar poesía. Os troveiros de antano facíano con outras ferramentas, pero no ano 2019 o razoable e empregar os medios dos que hoxe dispoñemos; o cal non implica que os medios tradicionais non sirvan, senón que son perfectamente combinables. Iso por non falar do necesario que é atraer e animar á xente nova a que lea poesía.

Unha sociedade cun discurso simplista é caldo de cultivo perfecto para a xustificación da violencia, a instalación do feísmo e da vulgaridade

  • Neste sentido, cres que é necesario que haxa máis lectores de poesía?

Si, sempre é necesario que a xente lea máis e particularmente máis poesía. Iso exercita o pensamento reflexivo, a interpretación, que son ferramentas poderosas contra a frivolidade e as simpleces argumentativas. Unha sociedade cun discurso simplista é caldo de cultivo perfecto para a xustificación da violencia, a instalación do feísmo e da vulgaridade.

  • O formato DVD permite escoitar os poemas a través da túa voz. Que se atopará a persoa que merque o libro?

Poderá escoitar os poemas coa cadencia musical coa que foron concibidos, ademáis da aportación de imaxes que, grazas ao fermoso traballo de Cristian Rodríguez, convírtenos en pequenas pezas audio-visuais. Outra das virtudes deste formato é que se pode escoitar a lingua galega fóra dos nosos límites, de feito eses poemas xa foron recitados en París e en Dublín, grazas en parte a estaren editados en formato DVD.

  • Hai un prólogo importante no que sitúas/advirtes ao lector de conceptos claves como a morte...

É un pequeno encadre do libro no que explico un pouquiño o porque dos poemas. Tal e como dis, o concepto de finitude é un dos eixos temáticos do poemario, por iso o recollo no prólogo, mais non só a finitude da persoa en si, senón de todo o que iso conleva. Coa marcha das persoas rematan tamén etapas vitais, formas de vivir... incluso obxetos cos que convivimos na vida diaria e doméstica, acaban de súpeto por desaparecer, desconcertándonos; deixando un oco no día a día.

Cando soño que estou na casa, sempre soño coa casa de Corme, aínda que a ubique noutro sitio

  • Nunha dimensión máis persoal... Que recordos gardas da túa infancia en Corme?

Lembro a miña infancia en Corme chea de ledicia; incluso me lembro dos olores e da sensación que me deixaban as tardes na praia, ou as excursións con miña nai e miña madriña collendo flores ou buscando auga na fonte de Bostelo. Algún dos poemas trata sobre estes temas. Curiosamente cando soño que estou na casa, sempre soño coa casa de Corme, aínda que a ubique noutro sitio.

  • Volves á Costa da Morte sempre que podes?

Non vou todo o que quixera, pois estou nunha etapa de moito traballo (profesional e literario), pero Corme vai e irá en min mentras viva. Ademáis son a madriña de Pablo, que vive en Corme, así que tamén me debo a el e a súa nai, que somos amigas desde que temos tres anos!

Comentarios