Un detido por roubar en dúas igrexas e outro por intentar cobrar un cheque roubado
Non deixamos de ver sucesos curiosos nas últimas semanas. 3 furtivos de Fisterra que se escapan dun operativo, dous veciños de Muxía sorprendidos roubando gasóleo nas máquinas das obras da Autovía, un home imputado por roubar pezas pedras do Pazo de Casa do Camiño, en Pereiriña, Cee... Pois hoxe traemos dous novos sucesos, un en Ponteceso, e outro en Carballo.
Un detido por roubar en dúas igrexas
Axentes da Garda Civil do Posto de Ponteceso detiveron onte a un veciño da localidade ao que se lle imputan dous roubos en sendas igrexas das parroquias de Xornes e San Adrián de Corme. O home conseguiu apoderarse dunha cadea de ouro, candelabros e cálices que foron recuperados polos axentes. A cadea de ouro xa fora entregada a un establecemento de compra-venda deste tipo de obxectos. Os roubos ocorreron entre os pasados días 27 e 28 de maio.
Os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución Número Dous de Carballo.
Detida en Carballo cando intentaba cobrar un cheque por valor de 2.800 euros que fora roubado
Axentes da Garda Civil de Carballo detiveron a unha muller que trataba de cobrar un cheque de 2.800 euros nunha sucursal bancaria da localidade e que previamente fora roubado nunha empresa da comarca fai unha semana. Á muller impútanselle agora senllos delitos de furto e estafa en grao de tentativa.
Os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Garda de Carballo.
Novas relacionadas
- 18-06-12: Un veciño de Muxía falece baixo o seu tractor.
- 3 furtivos de Fisterra escapan trala incautación de 107 quilos de ameixa na Langosteira.
- Sorprendidos dous muxiáns roubando gasoil nas obras da Autovía.
- Un detido en Corcubión por roubar 100€ unha semana despois da oleada de roubos.
Fonte
- Nota de prensa da Garda Civil.