Aberto o prazo para a VI Clásica Gandeira de Santa Comba
Santa Comba abre o prazo de inscrición para participar na VI Clásica Gandeira de Santa Comba, que se celebrará o vindeiro sábado 28 de marzo de 2026, a partir das 16.00 horas, baixo o lema Únete ao rabaño, corre polo rural.
A proba está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e contará coa supervisión do seu Comité de Xuíces, garantindo o cumprimento da normativa federativa e os correspondentes seguros e servizos sanitarios.
A Clásica Gandeira utiliza o deporte como vehículo para difundir valores e hábitos saudables, promovendo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) como saúde e benestar, igualdade e consumo responsable. Ademais da carreira, o evento inclúe accións participativas con centros educativos, colectivos de terceira idade e asociacións locais, co obxectivo de reforzar a igualdade, a diversidade e a implicación cidadá. O Concello tamén colabora con entidades especializadas en diversidade e inclusión no deporte como ADI, contribuíndo a consolidar un modelo inclusivo e comprometido socialmente.
Percorridos e inscricións
O circuíto de 10 quilómetros ofrece unha experiencia única pola paisaxe de Santa Comba, cun percorrido mixto (70 % asfalto e 30 % terra) que atravesa diversas explotacións gandeiras. Ademais da 10K, o evento inclúe unha carreira de 3K e probas de base para as categorías inferiores, fomentando a participación interxeracional e a práctica deportiva desde idades temperás.
A saída e meta estarán situadas na avenida Alfonso Molina, diante da Casa da Cultura de Santa Comba.
O programa previsto é o seguinte:
- 16.00 h: Sub 10 e Sub 12 (1 km aprox.)
- 16.20 h: pitufas/os (200 m aprox.)
- 16.40 h: 10K (Sub 18 a Máster)
- 17.50 h: 3K (Sub 14 e SUB 16)
- 18.20 h: entrega de premios
As inscricións deberán formalizarse exclusivamente de maneira telemática a través da plataforma www.ccnorte.com e permanecerán abertas ata o 25 de marzo de 2026 ás 13.00 horas.
Os prezos establécense en dous tramos:
- 10K: 9 € ata o 8 de marzo; 12 € desde o 8 de marzo
- 3K (Sub 18 a Máster): 4 € ata o 8 de marzo; 5 € posteriormente
- Probas base e 3K Sub 14–Sub 16: gratuítas
Todas as persoas que formalicen a súa inscrición antes do 20 de marzo recibirán unha camiseta conmemorativa do evento.
Premios e servizos
A organización entregará trofeos ás e aos primeiros clasificados das distintas categorías, así como premios específicos para clubs federados na 10K e para as/os corredoras/es locais nas probas de 3K e 10K, incluíndo premios económicos no caso da carreira principal.
A proba contará con cronometraxe mediante chip nas categorías adultas, servizo de avituallamento en meta e no quilómetro 5 da 10K, así como servizo de duchas no Complexo Deportivo de Fontenla.
Con esta apertura de inscricións, Santa Comba convértese nun referente do deporte rural, promovendo a vida activa, a saúde e os valores de igualdade e inclusión, consolidando a Clásica Gandeira como un evento de interese tanto para participantes coma para a comunidade en xeral.
