Venres. 03.05.2024
El tiempo

Ángel Carracedo estará na 1ª Semana da Saúde de Santa Comba

Semana da SAude de SAnta Comba
Ángel Carracedo estará na 1ª Semana da Saúde de Santa Comba

O Concello de Santa Comba, en colaboración coa Asociación “Unha Amiga, unha Aperta” organiza a 1ª Semana da Saúde de Santa Comba 2023. E que mellor que contar coa presenza de Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, que no acto central da semana ofrecerá unha conferencia sobre “Medicina personalizada no Cancro”. A cita será o vindeiro sábado 29 de Abril as 20:45h no Auditorio do Edificio Multiusos de Santa Comba.

A xornada comezará cunha Mesa Redonda titulada “Iniciativas asociativas solidarias no rural referidas á Saúde: pequenos xestos... grandes logros”, na que se pretende dar luz e poñer en valor a iniciativa asociativa referida a problemáticas importantes de saúde, nacidas ou que teñan actividade en zonas do rural galego. Nesta charla participativa preténdese difundir o valor da unión de familiares e enfermos na procura de melloras relacionadass con diversas enfermidades; a maioría das veces a través de pequenas campañas locais ou de de actividades de diversa índole, que permiten o contacto entre doentes, familiares e a sociedade civil.

Na Mesa está previsto que participen representantes da Asociación Española de GRINpatias, Asociación nacida en Negreira que agrupa a familiares de doentes de Enfermidades Raras causadas mutacións patoxénicas que se producen nalgún dos xenes denominados GRIN, e que afectan fundamentalmente a nenos e adolescentes.
Tamén haberá representación da recentemente creada “Asociación Unha Amiga sabe ver que precisas unha Aperta”, de Santa Comba, que naceu como grupo de apoio e de suma de inquedanzas de enfermos e enfermas de Cancro na Terra do Xallas, e que conta xa con case un centenar de asociados.

Nos próximos días sumarase á Mesa redonda representación de entidades asociativas de ámbito nacional, con amplio bagaxe no asociacionismo relacionado coa saúde e que promoven iniciativas ámbitos de distinta dimensión.

Máis citas

Antes desta xornada do sábado 29, a Semana da Saúde de Santa Comba comezará o martes 25 de Abril, ás 13:30h, cunha Charla sobre Nutrición Saudable, no Centro de Saúde de Santa Comba impartida por Tania Arias Carballal, dietista e nutricionista que dirixe un novo servizo ofertado polo Centro de Saúde de Santa Comba.

A Semana da Saúde de Santa Comba rematará o festivo 1 de maio, cunha Andaina solidaria na que recadación a través dunha Camiseta solidaria será integramente doada a prol do tratamento para combatir o Meduloblastoma da nova Andrea Jiménez, abulense con vinculacións familiares directas no Concello de Santa Comba. A Andaina será circular e unirá dous puntos senlleiros da xeografía xalleira, A Capela de San Bartolomeu e o entorno da Xesteira.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios