O Centro Español Lyss celebra 55 anos en clave xalleira honrando á diáspora
O Centro Español Lyss celebrou a pasada fin de semana o seu 55 aniversario nunha emotiva noite que reuniu a comunidade galega en Suíza e que contou coa presenza de destacadas personalidades de Galicia. Nun ambiente cheo de nostalxia e orgullo reuníronse xeracións de galegos que levan décadas cultivando a cultura e as tradicións da súa terra, atopando neste centro un anaquiño de fogar lonxe da casa.
O acto tivo lugar no Carolina Hall de Aarberg, un lugar simbólico e querido que foi testemuña de innumerables momentos de unidade e solidariedade. A ocasión foi especial e contou coa presenza de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, quen quixo destacar o compromiso que a diáspora galega en Suíza mantén polas súas raíces, por manter o vínculo coa cultura, coa lingua e destacar que estas asociacións non son só unha organización senón unha extensión de Galicia.
Ao acto tamén asistiu o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, quen compartiu recordos e palabras de agradecemento coa comunidade. Romar valorou o papel fundamental que teñen os centros españois na integración e conservación cultural. Recoñeceu que o Centro Español de Lyss é un fogar onde cada un dos galegos e galegas residentes no cantón de Berna atopou unha conexión coas súas orixes, con esa Galicia que leva no seu corazón e que nunca se esquece aínda que sexan a miles de quilómetros.
O 55 aniversario do Centro Español contou tamén co talento da artista carballesa Laura Añón, Ángel Sevilla e JJ Compota, que engaiolaron ao público cunha actuación chea de valentía e sentimento. As súas melodías achegaron a esencia de Galicia a todos os presentes, evocando as paisaxes da costa e os sons da terra que tanto botan de menos.
A celebración fíxose aínda máis vibrante cando DJ Rokiño, outro embaixador da comunidade galega no exterior, tomou o control da música para animar aos asistentes cunha selección de cancións modernas, creando un ambiente de alegría e festa, facendo que asistentes de todas as idades se sumen ao baile. As cancións resoaron coa enerxía dun público que demostrou que a paixón galega perdura sen importar a distancia.
A noite rematou cunha mestura de emocións. A ledicia de celebrar máis de medio século de comunidade e unión, e a nostalxia das lembranzas compartidas por todos aqueles que no seu día chamaron a Galicia casa. O presidente do Centro Español Lyss agradeceu e homenaxeou aos que fundaron o centro hai 55 anos e recoñeceu o sacrificio de todos aqueles que, con esforzo e dedicación, fixeron posible que ese recuncho de Galicia existise en terras suízas.
O 55 aniversario de Lyss foi unha homenaxe á historia e o espírito da diáspora galega, un recordatorio da forza das raíces que unen xeracións. Cada detalle do evento foi unha mostra de respecto e amor polas orixes, mantendo viva a promesa de que, aínda que o camiño está lonxe da casa, Galicia permanecerá sempre presente no corazón de quen o leva consigo.