Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A minaría, real, faise oco en Varilongo

Sondaxes realizadas polo Grupo mineiro Santa Comba en Varilongo
Actividade do Grupo mineiro Santa Comba na mina de Varilongo
A minaría, real, faise oco en Varilongo

Despois de anos de abandono, de mesmo ser escenario dunha película, e de moitos “faroles”, as máquinas volven traballar na mina de Varilongo. É un feito, como alerta a Asociación Petón do Lobo, que denunciou a recuperación da actividade por parte do Grupo Mineiro Santa Comba. Pero é unha realidade que contrasta coas especulacións que se están xerando arredor do Proxecto “Corcel”, en Castriz.

Unha dualidade que molesta, e moito, no seo do Concello de Santa Comba, que leva anos intentando apostar por unha minaría máis responsable e respectuosa co entorno, e que considera que estes falsos proxectos só aportan máis escurantismo a unha práctica, a da minaría, que se ten gañado unha fama medioambientalmente dubidosa.

Por iso esfórzanse en amosar a diferencia entre os proxectos transparentes e os proxectos especuladores. “Parece que tras anos onde o proxecto de explotación estivo paralizado, o impulso da chegada de Raffaella Resources ao Grupo Mineiro, que considera que hai material suficiente para que sexa rentable manter a mina operativa, fai que a cousa vaia en serio”, explican dende o Concello xalleiro, onde teñen constancia de que en apenas un mes xa recibiron tres "visitas de seguemento sobre o Plan de Explotación" da Consellería de Industria. “A mina de Varilongo si ten autorización ambiental. Agora mesmo, está todo moi controlado”, explican.

A entidade ambiental critica que o rego de Braña está a recoller as augas residuais das balsas mineiras e que poden conter drenaxes de metais pesados. Pero pola contra, fontes achegadas ao proxecto explican que, o rego da Braña, está próximo a unhas balsas que son da canteira, non da mina, e que "as analíticas de Augas de Galicia, que visitan a zona cada 15 días, non rexistran a día de hoxe a presencia de contaminación algunha".
Porque cómpre facer a diferencia entre os dous proxectos veciños. Nun lado da estrada atópase a pleno rendemento a Canteira da Mina (unha canteira); mentres que ao outro está a mina do Grupo Mineiro de Santa Comba.

Explican ademais que en Varilongo non hai agua subterránea que poida saír á superficie contaminada, como acontece en Sanfíns. Ademais, aseguran que Augas de Galicia pasa cada 3 meses a facer inspección nas balsas da canteira.

O Concello, que ten cero competencias en tema mineiro, leva anos solicitando que se restauren medioambientalmente as zonas arrasadas, e mesmo está promovendo coa Cámara Mineira a musealización dun edificio de Varilongo. Ademais, considera que “a través da Responsabilidade Social Corporativa dunha empresa como esta, se a poboación se ve beneficiada, moito mellor”.

 

Novas relacionadas

Comentarios