Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Realizan analíticas das augas da mina de Varilongo trala denuncia de asociacións ambientais

Saida da Galeria Carballeira da mina de varilongo
Augas de chuvia saíndo polas Galería Carballeira, da mina de Varilongo
Realizan analíticas das augas da mina de Varilongo trala denuncia de asociacións ambientais

Os traballos na mina de Varilongo continúan en marcha. Tras 30 anos parados, volve haber actividade na mina de wolfram xalleira, xerando, como non podía ser doutro xeito, algo de alarma social.

Entidades como Petón do Lobo ou Ecoloxistas en Acción veñen de denunciar un posible impacto ambiental polo “baleirado das augas acumuladas no interior dunha das galerías da mina Carmen, que saen a través dunha pista da concentración parcelaria e acaban na outra beira asolagando terras de cultuvo”. Segundo as entidades “esas augas deberían pasar por unha planta de tratamento de DAM, porque poden levar metais pesados ou sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita), metais xeradores de drenaxes acedas de mina e susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente”.

De aí que pidan “ao Concello que inste a Industria unha analítica dos metais pesados (ferro, arsénico, cobre…) bioacumulativos, e que ao longo e medio prazo teñen consecuencias para os ecosistemas como no ser humano”, tendo en conta ademais que estas augas acaban verténdose no río Xallas. E van máis alá, pedindo “que se esixa á empresa que execute o proxecto de restauración, xa aprobado no seu día, tras máis de 30 anos de paralización irregular, irregular porque a concesión debería estar caducada)”.

Balsas da Canteira da Mina, non da mina

Fontes municipais corroboran que este martes se realizaron unha serie de visitas de inspección por parte da Dirección Xeral de Minas, a Consellería de Industria e Augas de Galicia. Se a Dirección Xeral de Minas viña a analizar os progresos dos traballos do plan de explotación no último mes, dende a última visita, Trasgasec e Augas, viñan a facer a inspección ás balsas, pero ás balsas da Canteira da Mina. Porque segundo fontes municipais, as balsas existentes son de Canteira da Mina, (a canteira que está ao lado da estrada) comprobando que as augas antes de saír ao exterior si que pasan por unha balsa de decantación.

De feito, sinalan dende o Concello que as imaxes do que as asociacións ecoloxistas consideran baleirado da balsa da mina, en realidade son da entrada da Galería Carballeira, zona onde ademais de non haber ningunha bomba de achique, non ten conexión coa mina Carme (a que si se está volvendo a explotar). Afirman ademais que esas augas son da chuvia, e as imaxes das asociacións son debidas ás fortes chuvias caídas durante a fin de semana e o luns.

En todo caso, dende o Concello tamén avisan que a empresa realizou unhas obras de canalización desa saída, para que non asolague ás terras da propietaria dos terreos, sen o pertinente aviso municipal, polo que sinalan que podería haber sancións.

Entrada Galeria Carballeira-Dia 9 e dia 11 de novembro 2020
Esta é a entrada de Galería Carballeira, arriba o luns e abaixo o mércores tralas obras de canalización

Analíticas feitas

A visita tamén servía facer a serie de analíticas que esixían, na súa denuncia, a Asociación Cova Crea. Tomaron mostras en 6-7 puntos das balsas da Canteira da Mina. Ademais tomaron mostras en varios puntos máis abaixo, ata a presa da Xesteira, preto do punto de encontro entre o Rego das Brañas co río Xallas.

É posible que ao longo da vindeira semana Augas de Galicia envíe o informe ao Concello de Santa Comba sobre os resultados da calidade das augas.

Ademais, nun mes, a Xunta, que asegura que o informe de Impacto Ambiental é perfectamente válido, volverá para garantir que os traballos seguen avanzando e que esto non é outro globo sonda especulativo, ademais de para seguir facendo revisións ambientais.

Novas relacionadas

 

Comentarios