Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Santa Comba convertirase esta semana no Concello máis internacional de Galicia

alberto romar alcalde de Santa Comba
Alberto Romar é o alcalde de Santa Comba
Santa Comba convertirase esta semana no Concello máis internacional de Galicia

A partir do venres, e durante toda a fin de semana, o concello xalleiro será o anfitrión dun proxecto financiado con fondos europeos destinados a fomentar o intercambio cultural entre representantes de distintos países. Baixo o lema “xuventude e democracia: empoderar á próxima xeración de Europa” delegados de 18 países distintos levarán a cabo sesións de traballo, visitas e actividades variadas dirixidas a tecer redes entre comunidades diversas.

O alcalde Alberto Romar amosase “extremadamente satisfeito de que fondos tan importantes e difíciles de conseguir como os do programa CERV – Rede de Cidades sexan xestionado por un concello do rural como o noso, porque abren moitas posibilidades, por un lado achegar Europa, as súas institucións e a súa xente ao noso pobo, e por outro fomentar as múltiples posibilidades de colaboración, intercambio e promoción tanto idiomática como cultural entre países diferentes e realidades coas que doutro xeito sería moi difícil coñecer”.

A axenda deste primeiro evento, dunha serie de seis que se repartirán noutras localidades europeas, será intensa. O acto central, aberto á asistencia de toda a veciñanza, celebrarase sábado a partir das 11:30 no Auditorio Multiusos da capital xalleira, coa firma do acordo entre os distintos países no que tamén tomará parte o eurodeputado Nicolás Casares. Previamente, o venres a delegación, acompañada por alumnos do IES Terra de Xallas encargados de facer a presentación do noso país como anfitrión, visitará a sede da Deputación da Coruña onde, entre outras dinámicas de traballo, terá a oportunidade de profundizar no coñecemento dos distintos programas que Europe Direct dedica á xuventude, aos intercambios e á promoción das institucións europeas.

Santa Comba empezará así, como anfitriona e promotora, unha serie de eventos que terán parada ao longo de 2024 e 2025 en Hungría, Portugal, Croacia, Bulgaria e Malta, coa finalidade de difundir os valores europeos e, como anticipa o lema do proxecto, empoderar á xuventude fomentando o intercambio e o traballo conxunto co obxetivo de achegar a filosofía da Unión Europea e crear vínculos entre institucións e asociacións dos países participantes no proxecto.

Comentarios