Luns. 07.10.2024
El tiempo

40 profesionais asistiron á charla do GDR sobre Xestión Gandeira e Forraxes

Charla GDR Vimianzo Forraxes 2
Charla GDR Vimianzo Forraxes 2
40 profesionais asistiron á charla do GDR sobre Xestión Gandeira e Forraxes

Uns 40 profesionais do sector agro-gandeiro asistiron ao faladoiro sobre "Xestión Gandeira e de Forraxes" artellado polo GDR Costa da Morte no marco do proxecto de Cooperación "Paisaxes Intelixentes". A Casa da Cultura vimiancesa acodía esta cita que trataba de informar sobre as novas estratexias e lexislación referidas á xestión sostible das explotacións gandeiras de vacún: a nova PAC; o benestar animal e a bioseguridade; os requirimentos medioambientais das explotacións; a implantación de pradeiras en terreos de monte como alternativa aos cultivos forraxeiros.

Tamén se ofreceu unha visión global do mercado do leite a as novas tendencias de consumo. Destacouse que a xestión gandeira sostible das explotacións é esencial para producir alimentos de forma continuada preservando os recursos e co menor impacto ambiental posible, ademais de ser unha resposta á crecente demanda de alimentos de calidade por parte dos consumidores.

As temáticas centrais deste faladoiro foron as seguintes:

  • Aplicación práctica da nova PAC.
  • Implantación de pradeiras en terreos de monte.
  • O benestar animal e a bioseguridade nas explotacións de vacún.
  • Requirimentos medioambientais nas explotacións de vacún.
  • O mercado do leite e as esixencias do consumidor e da cadea láctea.


Ao remate, os asistentes recibiron un agasallo consistente nun paquete de 300 gramos de Faba Galaica producida no territorio, e gozaron dun aperitivo cuns viños e uns pinchos continuando o debate iniciado na rolda de preguntas do faladoiro.

Charla GDR Vimianzo Forraxes

Comentarios