A Xunta cédelle ao concello de Vimianzo os montes de Milleira e Gorreis
07:12 23/02/16
A Xunta de Galicia cederá ao longo deste ano a xestión dos montes de Gorreis e Milleria ao concello de Vimianzo. Así se desprende despois da reunión que mantiveron onte o alcalde do concello de Vimianzo, Manuel Antelo, e o xefe territorial de Medio Rural da Coruña, Manuel Rodríguez. Desta forma deuselle solución ao problema dos montes comunais da parroquia de Carantoña que levaba varios anos sen resolver.
O alcalde vimiancés plantexou a necesidade de avanzar cara unha saída tendo en conta o texto da Lei de Montes de Galicia. Propúxolle aos representantes da Xunta unha solución que pasaba por tres puntos. En primeiro lugar, a elaboración entre a Consellaría e o concello, dun Plan de ordenación dos recursos forestais para a xestión futura da integridade do monte. Antelo tamén solicitou a cancelación de oficio dos consorcios a saldo cero, tal e como prevé a Lei de Montes. E, por último, pediu que sexa o concello quen xestione o monte sen ningún tipo de consorcio.
Durante a xuntanza os representantes da Consellaría, o director xeral de Montes, o xefe territorial e o alcalde, valoraron estes puntos e alcanzaron un acordo sobre os mesmos achegando unha solución para unha problemática que leva enquistada moitos anos.
O alcalde valora de maneira moi positiva a disposición do xefe territorial e de todo o seu equipo para acadar este acordo que se materializará nos próximos días.
A consecución deste acordo supón un importante punto de inflexión nas relacións entre a Xefatura territorial de Medio Rural e o Concello de Vimianzo, caracterizdas até o de agora por varios desencontros.
Novas relacionadas
- 12-02-16: A polémica dos montes de Gorreis e Milleira dá un paso ao frente
- 07-12-15: A veciñanza de Milleira e Gorreis, aínda herdeira da corrupción franquista
- 15-11-2015: A consellería de Medio Rural segue sen resolver o problema dos montes da Milleira e Gorreis.
- 26-11-14: Aos montes de Milleira e Gorreis crécelles o pelo
- 13-11-14: Os veciños de Vimianzo terán que pelexar máis polos seus montes de Milleira e Gorreis.
- 22-10-14: Os veciños de Carantoña terán que esixir á Xunta os montes Milleira e Gorreis.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Vimianzo