A Xunta entrega unhas obras de abastecemento no baleiro Polígono de Vimianzo


Curiosa a nota que chega hoxe da Xunta de Galicia sobre o Polígono de Vimianzo. Máis de 5 anos despois da súa "posta en marcha", e aínda se unha soa empresa funcionando (unha leva intentando comezar a traballar dende marzo de 2012) a Xunta "entrega ao Concello de Vimianzo as obras executadas de abastecemento do Polígono Industrial".
A xestión e mantemento do novo servizo será competencia da Administración local, unha vez que os traballos acometidos conseguen duplicar a capacidade potencial do servizo de abastecemento do municipio pasando de 2.000 a 4.000 habitantes. Foi Augas de Galicia quen executou unha nova captación de abastecemento no Val da Regueira e a canalización da auga ata o depósito da ETAP existente.
Deste xeito, aumenta a posibilidade de demanda de auga do polígono, pero o problema é que demanda non hai ningunha... De aí que dubidemos destes 330.000€ que implicou a obra, realizada ademais 5 anos despois da súa teórica posta en marcha.
Descrición das obras acometidas
A nova captación desenvolveuse dende o encoro situado na bacía norte do regato do Val da Regueira, fixose mediante un azud de formigón armado con comporta manual e tubo que verte ata un decantador que conecta coa arqueta inicial da rede. A condución vai soterrada pola estrada C-552, cruzando o núcleo rural de Ogas e segue a través do Val de Vimianzo ata o depósito.
Ademais, instalouse unha válvula reguladora de presión, xa que a cota máis baixa da condución está a 15,92 metros baixo terra. A entrada ao depósito é mediante unha arqueta previa que dispón dun filtro, unha ventosa e unha válvula automática para regular o caudal de entrada.
Novas relacionadas
- 19-03-12: O Polígono de Vimianzo existe e unha empresa comeza a instalarse.
- 14-02-11: Os empresarios piden información sobre a situación legal do parque empresarial de Vimianzo.
- 21-03-10: O Goberno non cede cos prezos do Parque Empresarial de Vimianzo.
- 30-11-09: O parque empresarial pide auxilio.
- 15-04-09: Un parque empresarial sen empresas.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).