Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Asalto Gaélico ao Castro de Barreiras

Asalto Gaélico ao Castro de Barreiras
Asalto ao Castro de Barreiras en Vimianzo

Impresionante o completo programa do Asalto ao Castelo de Vimianzo. Unha festa que amplía horizontes, e ademais de tomar o Castelo, tomará este ano outra fortaleza vimiancesa, a máis antiga, da época castrexa: As Barreiras.

Xusto unha semana antes do propio Asalto, este sábado 27, un día despois da Legua Irmandiña, a partir das 14h celébrase durante toda a tarde unha xornada reivindicativa, festiva e de convivencia. Tarde familiar na que non faltarán os xogos populares e no que se anima a todos os visitantes a traer a súa comida e bebida para un piquenique popular.

A hora de convocatoria é ás 14:00h da tarde, cando comezará o xantar campestre. Desde as tres da tarde haberá xogos populares e outras actividades para pasar un bo anaco tanto para os nenos como para os maiores.

Cerimonia do Tótem

Unha das actividades será a Cerimonia do Tótem, dirixida polo actor Vicente de Souza, que lembrará as primeiras edicións do Asalto, nunha “adoración” do ariete con peles e cornos, onde se poderán deixar flores, realizar oracións rituais... Ademais diso, o espírito do Asalto tamén estará moi presente co ensaio das Irmandades parroquiais, que terá lugar no propio Castro das Barreiras, un desfile dos exércitos irmandiños antes de tomar a fortaleza.

Fútbol gaélico

Un dos puntos álxidos da tarde será a exhibición de fútbol gaélico que terá lugar no Castro das Barreiras ás 19.30h. Trátase dun deporte que está xurdindo con forza en Galicia, sobre todo despois dos Xogos Mundiais de Deportes Gaélicos en Abu Dabi, onde a selección galega masculina foi subcampioa e a feminina logrou o terceiro posto. De feito, en Vimianzo teremos a oportunidade de ver algúns dos xogadores que participaron nesa competición internacional. Os equipos encargados de realizar a exhibición serán Estrela Vermelha (formado en 2013 en Compostela) e Irmandinhos (o segundo en formarse de Galicia, en 2012 na Estrada). Despois do partido profesional, todas as persoas interesadas poderán acabar xogando primeiramente e gozando das últimas chispas da noite no animado e clásico Terceiro tempo.

O fútbol gaélico (en irlandés peil) é unha variante de fútbol xogada principalmente en Irlanda. É, xunto co hurling, un dos dous deportes con máis espectadores na Eyre e o deporte nacional dese país. O fútbol xógase por equipos de quince persoas (en Europa Continental os equipos están formados por once xogadores) nun campo rectangular con postes en forma de H en cada un dos dous extremos.

Audiovisual

A exhibición de fútbol gaélico e a tarde nas Barreiras será rexistrada en vídeo, incluso con planos aéreos a través dun dron. E para iso cóntase coa colaboración do director Xacio Baño, creador emerxente.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios