Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A AXI atende parcialmente as demandas do Concello de Vimianzo pola sinalización da AC552

A AXI atende parcialmente as demandas do Concello de Vimianzo pola sinalización da AC552

O Concello de Vimianzo remitíralle o pasado 3 de Novembro un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), solicitando que se modificara a sinalización horizontal pintada recentemente na AC 552 ao seu paso polo Concello de Vimianzo.

Rua da Torre-AC552 Aparcadoiros que a Xunta quere suprimir na R/ da Torre en Vimianzo

Concretamente facíase referencia a que na Piroga, en dirección Fisterra se puidese acceder á estrada A Piroga-Baíñas e ao Campo da Feira e en Vimianzo, na rúa da Torre, se mantivesen os aparcadoiros na marxe da estrada. O escrito do Concello foi acompañado dun informe da Policía Local e de testimonios gráficos nos que se podía observar que con anterioridade se podían facer os xiros á esquerda na Piroga e existían as prazas de aparcadoiro na rúa da Torre.

O 18 de Decembro pasado recibiuse no Concello a contestación a esas demandas e a AXI informa de que se modificou a sinalización horizontal para permitir o xiro solicitado cara a estrada A Piroga-Baíñas. Nembargantes, desestima tanto o xiro cara o Campo da Feira da Piroga como a reposición das prazas de aparcadoiro na rúa da Torre argumentando, no primeiro caso, que non existe visiblidade, e no segundo que non existe un ancho suficiente de vía.

O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, amosou o seu total desacordo con esta contestación xa que a posibilidade de xirar á esquerda para acceder ao Campo da Feira da Piroga existía cando a intensidade do tráfico na AC552 era moi superior á actual sen que este feito lle causara ningún tipo de prexuízo á circulación na vía. O mesmo ocorre coas prazas de aparcadoiro na rúa da Torre, que existiron dende sempre, e "nunca supuxeron ningún tipo de atranco nin obstaculizaron o tráfico da AC552".

Cabe lembrar que A Axencia Galega de Infraestruturas é o órgano administrativo da Xunta de Galicia encargado de xestionar integramente toda a infraestrutura viaria da Rede de Estradas da Comunidade Autónoma Galega (RAEGA).

 

Comentarios