O Vimiverán Irmadiño botou a andar con máis de 500 participantes
Vimianzo deu comezo este luns a unha nova edición de Vimiverán 2026, o programa municipal de conciliación estival
que reunirá este verán máis de 500 participantes nunha ampla oferta de propostas educativas, deportivas, culturais e de lecer para a infancia.
A principal novidade desta edición será a incorporación da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 como eixo pedagóxico transversal de toda a programación. Ao longo de todas as quendas, as crianzas participarán en actividades relacionadas coa astronomía e a observación do ceo, achegándose a este acontecemento astronómico excepcional mediante xogos, experimentos, dinámicas de divulgación científica e obradoiros de construción de proxectores estenopeicos para a observación segura do fenómeno.
A primeira quenda, VimiAsalto, desenvólvese entre o 22 de xuño e o 3 de xullo e contará coa participación de 80 nenos e nenas. Durante estas dúas semanas, as crianzas achegaranse á historia, ao patrimonio e ás tradicións locais a través de obradoiros, xogos e actividades inspiradas no Asalto ao Castelo, unha das celebracións máis emblemáticas do municipio.
A segunda quenda, que terá lugar entre o 6 e o 24 de xullo, reunirá a 130 participantes no Pavillón Municipal, onde se desenvolverán as actividades de VimiDeporte e VimiAstronomía, ás que se sumarán 18 prazas de VimiInformática na aula CEMIT da Casa da Cultura. A programación combinará actividades lúdico-deportivas con propostas de educación ambiental, reciclaxe e iniciación á astronomía, incorporando tamén contidos específicos relacionados coa eclipse.
As terceiras e cuartas quendas desenvolveranse do 27 de xullo ao 14 de agosto e do 17 ao 28 de agosto, respectivamente, contando con 110 participantes en cada unha delas. Durante estes períodos celebraranse novas edicións de VimiChef, nas que as crianzas poderán iniciarse no mundo da cociña mediante actividades prácticas e divertidas.
A programación completarase con propostas de VimiDeporte e cunha nova edición de VimiInformática durante a quenda comprendida entre o 27 de xullo e o 14 de agosto.
Polas parroquias: En Baíñas
Pola súa banda, VimiAventura nas Parroquias desenvolverase este ano no Pavillón de Baíñas, ao ser a única parroquia na que se acadou o número mínimo de inscricións necesario para a posta en marcha da actividade. Esta proposta permitirá achegar tamén ás crianzas do rural os contidos vinculados á eclipse e ás actividades de descubrimento científico previstas para o verán.
Como complemento ao programa, o Concello volve ofrecer o servizo de madrugadores, dispoñible de 08.00 a 10.00 horas, co obxectivo de facilitar ás familias unha maior flexibilidade horaria e contribuír á conciliación laboral e familiar.