Últimas horas para inscribirse na Legua Irmandiña
A organización da Legua Irmandiña informa de que este martes 23 de xuño será o último día para formalizar a inscrición na proba, que se celebrará no marco das actividades do Asalto ao Castelo de Vimianzo. Poden realizala en deporticket.com.
A carreira continúa medrando edición tras edición e, a falta das últimas horas para o peche, xa conta con máis de 150 participantes inscritos na categoría absoluta, unha cifra que confirma o gran interese que esperta esta cita deportiva e festiva.
Cómpre lembrar que a organización estableceu un límite de 200 prazas para a categoría absoluta, polo que as persoas interesadas en participar deben asegurar o seu dorsal antes do peche definitivo das inscricións. No caso de completarse as 200 prazas antes da finalización do prazo, as inscricións pecharanse de maneira anticipada.

A Legua Irmandiña ofrece un percorrido de 5 quilómetros que combina deporte, patrimonio e natureza, pasando por algúns dos espazos máis fermosos de Vimianzo, incluíndo o paseo fluvial e a contorna do Castelo de Vimianzo. Ademais, os participantes poderán desfrutar do tradicional avituallamento no foso do castelo e dun ambiente único marcado pola temática medieval do evento.
Desde a organización anímase tamén aos corredores e corredoras a participar con indumentaria medieval, unha das características máis singulares da proba e para a que se anunciarán diversas sorpresas.


