Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Carnés gozou dos callos da Festa da Fagía

FAGUÍA DE CARNÉS 1
Carnés gozou dos callos da Festa da Fagía

Como cada 9 de xullo, Carnés dálle a benvida as súas festas de San Cristovo coa degustación dos callos. A Festa da Fagía, unha festa con máis de 400 anos de historia, é unha das poucas citas da Costa da Morte declarada Festa de Interese Turístico Nacional.

O campo da Cerca ateigouse de fieis que non quixeron perder a receita única que fai que sexan, para moitos e moitas, os mellores da contorna. Acompañados por unha charanga,

FAGUÍA DE CARNÉS 2
Gran ambiente no Campo da Cerca

Un pouco de historia

A celebración, con máis de 4 séculos de historia, foi recuperada no ano 1981 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia, que ano tra ano, a través da clásica comisión de festas, e asistida polo Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo, organizan esta romería gastronómica.

A festa ten a súa orixe na fundación da Confraría de San Cristovo de Carnés no ano 1608. Os confrades debían pagar unha cota anual ou caridade destinada a garantir o mantemento do culto que xustifica a existencia de dita confraría e toda unha serie de actividades asociadas: misas, comidas de confraternización, gastos de enterros dos confrades,...

A preparación da festa

Festa da Fagia Carnes 2009-Foto-MR
Preparando a Festa da Fagía de 2009-Foto-MR

A preparación da comida comeza uns días antes coa compra dos distintos ingredientes para a elaboración dos callos: especias, garavanzos, carne,... O día 8 de xullo os membros da comisión e un grupo de veciños, todos eles voluntarios, comezan a preparar a comida no recinto onde se vai celebrar a festa, coñecido como a Cerca. Mentres tanto outro grupo de xente adícase a acondicionar o recinto. Basicamente trátase de tarefas de limpeza, colocación de barras de madeira para expender bebidas, decoración do estrado onde se vai colocar o Santo, etc.

Os preparativos duran todo o día e prolónganse ata a noite, de xeito que moitos voluntarios non durmirán ata o día seguinte. Xa o 9 de xullo, aproximadamente ás seis da mañá, despois dunha tirada de fogos anunciadores, comeza a cocedura dos callos na caseta que está dentro do mesmo recinto onde se vai celebrar a festa e que fora construída alá polo 1832 pensando neste fin. Cada pota pertence a unha familia de Carnés; chámanlle pota da Faguía ou de San Cristovo e cédenlla á comisión precisamente para a cocedura dos callos. Ó redor das dez ou once da mañá comezan a estar listas as primeiras potas de callos, e xa cara o mediodía os veciños da parroquia achéganse con potas para levar uns poucos callos á súas casas.

Á unha ou dúas da tarde os membros da comisión e os voluntarios, que levan dende o día anterior traballando, comezan a xantar. Sobre as sete comeza a misa na honra de San Cristovo. A igrexa está ateigada de xente, case toda a parroquia está dentro. Fora, agardando a saída do Santo, colócanse os gaiteiros. Rematada a misa varios veciños collen a imaxe de san Cristovo e saen da igrexa cara á Cerca. Detrás deles van os gaiteiros tocando e máis atrás o resto dos veciños. Mentres a comitiva vai avanzando os organizadores agardan a chegada do Santo para comezar a servir os callos.

Procesión

A procesión camiña lentamente cara ó recinto ó son das gaitas. Con coidado pasan ó Santo por debaixo da porta e diríxense ata o fondo onde hai un estrado sobre o que colocan a imaxe. Deste xeito San Cristovo vai presidir a comida. As gaitas seguen a tocar varias pezas para honrar ó Santo e unha vez rematadas xa se poden comer os callos.

A igrexa parroquial de Carnés é o eixe arredor do cal se asenta o núcleo máis populoso e dinámico de dita parroquia. É tamén neste lugar onde están ubicados a maior parte dos espacios relixiosos e curiosamente todos eles teñen unha estreita relación co Santo Patrón, San Cristovo. Na igrexa teñen lugar os rituais relixiosos do día do Santo: misa, procesión e poxa.

A tradición da poxa documéntase dende principios do século XVII. Celébrase o día 10, con posterioridade ás celebracións relixiosas, e véndense os polos e pitos que os fieis lle levan a San Cristovo como ofrenda pola súa intercesión para a curación dalgún vulto ou quiste. Nos últimos anos este costume vai diminuíndo e os fieis prefiren cumprir as súas ofrendas en efectivo, dándolle ó Santo diñeiro en metálico.

Máis verbena

Son unhas das festas máis potentes do ano, e pasarán pola pequena vila vimiancesa orquestras como El Combo, Los Satélites, Panorama ou París de Noia.

WhatsApp Image 2024-05-11 at 01.46.42

Máis novas

Comentarios