O Castelo cobra protagonismo na semana grande do Vimianzo M.O.L.A.

Despois dun arranque con música en directo o pasado venres, o festival Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes) entra de cheo na súa programación máis literaria, centrada nos libros, a narración oral e o teatro, coa cultura galega como protagonista e o Castelo de Vimianzo como escenario principal.

O programa de muralismo continúa pendente da previsión meteorolóxica, polo que será o Concello de Vimianzo a través das súas redes sociais o que actualice esta información para dar comezo ao mural XXL que renderá homenaxe ao histórico campo da feira de Piroga, en Bamiro, a cargo de DoctorToy e tamén ao que homenaxeará a Manuel Rivas, do artista Primo Rodríguez.
Os murais colaborativos feitos con pinturas sostibles terán lugar finalmente o venres e sábado, días 5 e 6 de setembro, coa temática dos escritores Castelao (dirixido pola muralista Rakele Cavallo) e Evaristo Martelo (a cargo tamén de DoctorToy). Todos aqueles que queiran participar poderán facelo inscribíndose a través do Colectivo Vella Escola.
Pero é a partir do xoves, día 4, que a literatura e as artes escénicas serán as grandes protagonistas. Ese día, a Praza do Concello acollerá o concerto infantil de Paco Nogueiras ás 20h, unha proposta de balde (como toda a programación) pensada para o público familiar. Ademais, a compañía Tchyminigagua fará dous pases de pasarrúas, ás 11 e ás 19h, para ir dando comezo ao ambiente festivo na vila.
O venres 5 de setembro o Castelo de Vimianzo converterase nun auténtico fervedoiro cultural cunha intensa xornada que comezará ás 17h coa apertura da feira de libros e actividades paralelas, incluíndo un obradoiro literario infantil a cargo de Eduard Velasco, un encontro literario sobre fortalezas e resistencia con Manuel Rial e Manuel Gago, moderado por Alba Mancebo, as presentacións dos libros “As voces da terra”, de Patricia Blanco, “Indolente”, de Alberto Mancebo, e “Somos Hip Hop”, do colectivo Vella Escola, e as actuacións de Tanea Caamaño, Vero Rilo e Avelino González.
Ao día seguinte, o sábado 6, volveremos contar coa feira de libros e novas presentacións como a de “Ángeles acusadores”, de Diego Garrote, as obras de corte histórico “Xoán Branco e a gran revolta irmandiña”, de Fran Zabaleta, e “1809. Galicia en Armas”, de Eduardo Rolland, ademais dun encontro moi agardado con dúas voces fundamentais da literatura galega actual: Ledicia Costas e Pedro Feijoo, moderado por Patricia Blanco, ademais da actuación de Mago Teto con seu espectáculo literario “As nosas letras”.
O peche desta xornada será cun invitado de luxo, Pablo Rivero, o escritor tamén coñecido pola súa personaxe na serie Cuéntame cómo pasó, que presentará a súa nova novela “El Rebaño”. Modera novamente a xornalista de Vimianzo Patricia Blanco.
Paralelamente, Sisel dinamizará o clube de lectura infantil sobre “A Señorita Bubble”, un dos libros infantís máis recoñecidos de Ledicia Costas, que terá presenza nas conversas.
Domingo de clausura con historia, teatro e grandes nomes da escrita
O domingo 7 de setembro celebrarase a xornada de clausura do festival, que comezará pola mañá coa representación de “Historia dramatizada do Castelo” no patio de armas (12h).
Pola tarde terá lugar a última xornada da feira de libros (a partir das 17h) e máis actividades, como a presentación e sinatura de libros da súper ventas da literatura xuvenil Rebeca Stones, e presentación do libro “Alicia no labirinto das sombras”, de Guadalupe Vázquez Formoso, ámbalas dúas conducidas por Patricia Blanco, a obra de teatro familiar “Travesía Unicornio” da compañía Ghazafellos, seguida dunha sinatura de exemplares coa autora María Canosa, e a presentación de “Miñán”(Hermanito), de Amets Arzallus e Ibrahima Balde, unha das obras máis lidas en éuscaro dos últimos anos.
O peche do día correrá a cargo do escritor Manuel Rivas coa charla “Escribir na Costa da Morte”, despois da cal se descubrirá unha placa conmemorativa no mural sobre o autor creado na Praza do Concello polo muralista DoctorToy.
Actividade extra de peche para centros escolares
Como colofón final, o xoves 11 de setembro, o Auditorio da Casa da Cultura acollerá unha función especial de teatro dirixida ao público escolar: a obra “Castelao” da compañía Culturactiva Producións, no marco das actividades conmemorativas do Ano Castelao 2025.
Vimianzo M.O.L.A. remata así a súa primeira edición cunha aposta firme pola cultura participativa, o uso dos espazos públicos como lugares de creación, e a celebración da literatura, a oralidade e a arte como ferramentas transformadoras.