sábado. 14.06.2025
El tiempo

O Castelo de Vimianzo acolle unha exposición didáctica sobre o traxe tradicional galego

Castelo Vimianzo artesania
O Castelo de Vimianzo acolle unha exposición didáctica sobre o traxe tradicional galego

O Castelo de Vimianzo acolle desde o 12 de xuño e ata o 12 de xullo a ‘Exposición didáctica de traxes tradicionais galegos’, unha proposta da Asociación Amigos do Liño creada con pezas de Susana Peleteiro.

A mostra foi inaugurada na xornada de onte pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, as concelleiras de Cultura e Turismo, Rosa Blanco e Beatriz Pazos, a presidenta da entidade, Carmen Riveiro, e a autora, que conta cunha ampla traxectoria no folclore.

Exposicion Bonecas artesania Castelo de Vimianzo

A exposición propón un percorrido pola historia do traxe tradicional galego a través dunha coidada selección de materiais que permiten coñecer a súa evolución e variantes. No espazo pódense ver 42 bonecas vestidas con traxes tradicionais de distintas bisbarras e épocas, reprodución de traxes investigados por diversos folcloristas. Ademais, inclúe 26 paneis que explican a historia e evolución do traxe tradicional, así como outros 26 paneis que recollen un glosario das pezas. 
A mostra complétase con tres paneis máis con mostras de tecidos, cunha colección de 40 fotografías antigas de persoas vestidas con estas roupas e unha selección de pezas orixinais – antigas e modernas – pertencentes a traxes tradicionais.

Comentarios