A Deputación mantén o acordo para a xestión do Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín

Un ano máis, a Deputación da Coruña asinou un convenio co Concello de Vimianzo para a xestión integral do Castelo e dos Batáns do Mosquetín en 2024. Cun investimento de 120.000€ (102.000 para o Castelo e 18.000 para os Batáns), o acordo inclúe a atención de visitantes, a mostra de artesanía en vivo e outras actividades de dinamización e divulgación.
Ambas entidades continúan, así, implantando un modelo de xestión do patrimonio cultural que se basea na interactuación, por parte dos espectadores e espectadoras, cos edificios e as actividades complementarias tanto do Castelo de Vimianzo como dos Batáns do Mosquetín, para facelos partícipes e achegar o patrimonio á cidadanía.
Así, plantéxanse unha serie de eventos de promoción e divulgación sociocultural en ambos espazos patrimoniais:
- exposicións permanentes;
- unha mostra de artesanía en vivo e unha serie de exposicións temporais no Castelo de Vimianzo;
- visitas guiadas e teatralizadas;
- obradoiros de dinamización e divulgación;
- roteiros e relatorios nos Batáns de Mosquetín e
- elaboración de unidades didácticas para os centros educativos.