Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Diverescola volve ás aulas

Diversiescola con Integro
A Diverescola volve ás aulas

Tras un período de inactividade de case dous anos debido á COVID-19, a asociación Íntegro porá en marcha a vindeira semana unha nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida pola entidade de Nantón, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos e cativas da Costa da Morte a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Trátase de sensibilizar dende abaixo, de educar en valores e naturalizar a diferencia entre a rapazada, o único camiño para romper as barreiras mentais e promover a verdadeira inclusión de persoas con diversidade funcional. A través do xogo, a Diversiescola traslada actitudes positivas no alumnado para combater a discriminación e a desigualdade.

A primeira saída da nova campaña terá como destino o CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo. O martes 25 terá lugar a primeira xornada de sensibilización, na que participarán un total de 69 nenos e nenas de 4 a 6 anos. Desde primeira hora da mañá, desenvolveranse diferentes actividades lúdicas arredor dun “contaconto guiado”. Ademais da lectura e e posterior interacción sobre o conto, abordarase a temática a través da técnica do “muralismo” para intercambiar ideas e afianzar conceptos relacionados coa inclusión e a diversidade.

O mércores 26 será a quenda do alumnado de 1º e 2º de educación primaria. Neste caso, os pupitres darán paso aos circuítos de obstáculos para acoller unha actividade denominada “xogamos coas barreiras”. Trátase de realizar un circuíto de mobilidade en cadeira de rodas por determinados espazos do colexio e un percorrido estacional sensorial, que lles axudará a sensibilizarse e empatizar coas dificultades. Así, a través do xogo, poderáb reflexionar sobre as barreiras físicas, sociais e mentais que existen na sociedade e como podemos superalas.

Comentarios