"Do mar a Terra", educando o padal
Interesante o proxecto que vén de sacar a luz o Concello de Vimianzo. Reincidindo no potencial gastronómico da zona, "Do mar a terra", levado a cabo a través do GDR 3 para este ano e o vindeiro, tece un fío de unión entre os produtos do noso mar, a gastronomía coa a cultura e o consumo responsable.
"Do mar a terra" é un proxecto que pretende converter a poboación, en xeral, e o empresariado da restauración de Vimianzo, en particular, en plataformas para a posta en valor do sector produtivo (extractivo e transformador) do mar da Costa da Morte, dunha maneira sustentable e innovadora, a través do consumo responsable dos froitos mariños capturados na zona e a divulgación das súas características singulares.
A importancia do consumo local será unha das prioridades do proxecto, sen esquecer o pracer vinculado á inxesta dos alimentos mariños, o goce da diversidade de receitas e de sabores, o recoñecemento da singularidade produtiva da Costa da Morte, o respecto aos ritmos das estacións e o convite no fogar ou nun establecemento público.
Deste xeito, as xentes e os produtos son os protagonistas, e formarán xunto a historia e o patrmonio etnográfico da Costa da Morte un equipo perfecto. Así, o proxecto tamén pretende adentrarse nas entrañas da historia, escavar en xacementos para investigar como os nosos antepasados preparaban os produtos do mar; ou entrar no Castelo e, da man dos Condes de Altamira, participar nas súas liortas coa mitra compostelá defendendo o control do comercio da sardiña, e, de paso, coñecer como se alimentaban os nobres hai máis de cincocentos anos. Non podemos esquecer a nosa xeografía e o valor medioambiental da costa de Vimianzo e da riqueza que agocha, especialmente Cereixo e Sabadelle, vixiados polos Penedos de Pasarela.
Educando o padal
Este é un proxecto idóneo para contribuír á educación do consumidor no que atinxe ao consumo responsable e en como afecta á súa saúde alimentarse con produtos do mar. Como defende a filosofía de Slow Food, é importante que a sociedade coñeza en que condicións se atopan os mares, que variedades están ameazadas, que especies debemos consumir e que artes non son recomendables, para contribuír a un mundo sustentable. E tamén se debe impulsar unha conciencia de solidariedade para que desde o consumo apoiemos os produtores locais. Cando consumimos alimentos do noso territorio, sen darnos conta, apoiamos a traballadores da zona, contribuímos a reducir a emisión de CO2 á atmosfera ao evitar o transporte e levamos ao prato alimentos de calidade.
A muller ten un protagonismo especial neste proxecto. A pesar da evolución da sociedade o rol de coidadora da familia e de cociñeira dentro do fogar aínda é desempeñado maioritariamente por mulleres, sobre todo no medio rural. E son elas as que máis participan nas actividades divulgativas en materia gastronómica e de consumo. A súa implicación é moi importante para que este proxecto sexa exitoso.
A campaña pretende ademais establecer sinerxias con outras propostas semellantes que se están desenvolvendo dende outros puntos do país, como o portal de venda e divulgación www.loestamospescando.com. E tamén vincula o produto co territorio no que se produce e aparece “Costa da Morte. Descúbrela”, fomentando así unha economía complementaria.
Novas relacionadas
- Vimianzo abre o seu Outono Gastronómico con menús, sobremesas da casa e moita festa.
- A Slow Food Galicia prantexa o ano dende o Vimianzo Gastronómico.
- Madrid degusta de novo o que estamos pescando.