As figuras centenarias de Vimianzo, as protagonistas do Día do Avó

O Concello de Vimianzo, a través da área de Benestar, quixo conmemorar o Día do Avó, que se celebrou onte, 26 de xullo, agasallando ás figuras de dúas das persoas con máis idade do municipio. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social, María José Pose, visitaron ás persoas con maior idade de Vimianzo.
Ela e el son Carmen Miñones Barcia, de Carantoña, e Eulogio Pereira Lema, de Tedín (Vimianzo), ambos centenarios en abril e que tiveron que "festexar" o seu aniversario en plena pandemia mundial. Nacidos no ano 1920, gozan dun perfecto estado de saúde "a pesar de todo polo que estamos pasando", aseguraron, e esperan "poder comer un anaquiño de torta sin que nos digan nada polo tema do azúcar", bromearon. Tanto a alcaldesa como a concelleira lles entregaron un ramo de flores e unha peza conmemorativa deste día tan especial co Castelo de Vimianzo como protagonista.
Eulogio Pereira Lema coa alcaldesa e concelleira de Benestar Social de Vimianzo.
Desde o Concello, impulsouse tamén unha actividade co Concilia Vimiverán para que a rapazada participante no mesmo redactara e elaborara mensaxes de vídeo aos seus avós e avoas, e que estes tiveran un grato recordo dun día tan especial. O resultado poderase ver nas redes sociais do Concello de Vimianzo.