A comunidade de montes de Montecelos piden á Xunta o control da manda de lobos e a ampliación do prazo para comunicar baixas por ataques
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Montecelos quere facer pública a súa preocupación polos reiterados ataques do lobo ao gando na zona, que están a provocar importantes perdas económicas.
Nos últimos ataques rexistrados, o lobo matou un total de 6 becerros pertencentes a vacas vienesas, dos cales só foi posible localizar os restos de dous, debido ás condicións do terreo e á dispersión provocada polos propios ataques. Esta situación dificulta enormemente o cumprimento dos prazos actuais establecidos pola Administración para a comunicación das baixas e a posterior tramitación das correspondentes compensacións.
Desde a Comunidade de Montes solicitan á Xunta de Galicia:
- Que se adopten medidas inmediatas e efectivas de control da manada de lobos que actúa na zona.
- Que se proceda á ampliación do prazo para comunicar as baixas por ataques do lobo, axustándoo á realidade do monte e da gandaría extensiva.
"Consideramos insostible que a protección da fauna salvaxe se faga a costa do abandono do gando e da ruína das explotacións, e reclamamos unha actuación decidida por parte da Administración", explican. "Desde Montecelos advertimos de que non se pode seguir trasladando toda a responsabilidade ás persoas gandeiras, e reclamamos solucións reais, inmediatas e adaptadas ao territorio".



