Gandeiros denuncian a falta de compromiso dos seguros e das axudas ante os ataques do lobo

Seguen sufrindo as explotacións gandeiras da comarca do Xallas unha marea de ameazas. Hai pouco foi a borrasca ex Kirk a que provocou perdas inxentes na colleita de millo, un factor clave na alimentación nas granxas.
Unhas granxas que teñen ademais, sempre presente, a ameaza do lobo, á que hai que sumarlle a ameaza dos seguros, e da falta de concreción das axudas das administracións.
Todo isto estano sufrindo na explotación Gandería Fariña, en Grixoa, Santa Comba. Nos últimos dous meses, xa son tres os animais que lle matou o lobo. A última, esta pasada noite do mércores ao xoves, cando unha manda de lobos matou unha novilla recén traída a esta explotación de 150 cabezas.
Aínda en quente, chamou a Extensión Agraria e ao 112, e de contado veu unha persoa técnica de Medio Ambiente, ademais da responsable do seguro. Explicáronlle que o máis probable, pero sen poder confirmar ao 100%, se tratase dun novo ataque de lobo (non de cans soltos, que aínda os hai pola zona). De feito, os técnicos describían o ataque sinalando que puideron ser varios lobos, por atrás, e que a novilla tratou de resistirse, e mesmo puido desprazarse 4-5 metros ata ser embestida de novo por diante. “Ten que haber fauna salvaxe pero ten que estar controlada”, explica.
Pero aquí empezou o periplo burocrático que os gandeiros temen máis que ao propio lobo. A responsable do seguro, despois de dúas horas de inspección, afirmou que a novilla morrera antes de ser engulida polo lobo… Unha situación que, segundo relata, xa sufriron outros compañeiros de profesión, que se formulan dar de baixa certas coberturas.
Máis do mesmo cando falamos das indemnizacións da Consellería de Medio Rural. Porque falamos dun animal, neste caso, unha novilla, que debería recibir unha axuda que pode chegar ata os 2.300€. Pero antes, a gandeiría terá que sobrepoñerse á burrocracia. Se ben os dous primeiros partes xa están en proceso, o de onte terá que agardar ata o vindeiro ano, pois aseguráronlle que as axudas deste ano están esgotadas e que terá que presentar o procedemento o ano que vén… Todo, para, con sorte, cobrar as axudas mes e medio despois do sucesos.