Venres. 19.04.2024
El tiempo

ARQUEOLOXÍA

“É unha honra que un concello tan pequeno como Vimianzo aposte pola arqueoloxía como motor turístico”

Avanzan con éxito os traballos da nova campaña de escavacións no Castro das Barreiras, en Ogas, Vimianzo.

2019-02-13
Estado da excavación deste 2019 no Castro das Barreiras
“É unha honra que un concello tan pequeno como Vimianzo aposte pola arqueoloxía como motor turístico”

Unha semana é o tempo que levan traballando os arqueólogos Tito, Dolores, Martín, Maria José e Adelaida, a resturadora Candela e o auxiliar de arqueoloxía Damián, a maioría deles da empresa Terra Arqueos, na nova campaña de escavación do Castro das Barreiras, en Ogas (Vimianzo).

Equipo de traballo no castro das Barreiras

“Levamos o ritmo previsto, posto que a chuvia constante da semana pasada impediunos unha escavación manual en condicións”, explicaba onte Tito Concheiro, o arqueólogo director do proxecto. Concheiro xa desenvolveu unha campaña de escavación similar durante o ano pasado na que se descubriron restos de, polo menos, dúas construcións de grande tamaño, así como máis de medio milleiro de fragmentos de cerámica –incluso metalúrxicos- que daban testemuño da pequena e potente duración deste singular asentamento, datado polo propio Tito na segunda Idade de Ferro, entre os séculos III e I antes da nosa era.

Durante esta campaña, á que lle pensan dedicar entorno aos dous meses de traballo, ampliarase a perforación feita ata agora, abrindo unha área de 16x18 metros, escavarase o interior da muralla e consolidaranse as estruturas atopadas na escavación anterior. “ Na semana que levamos, seguimos descubrindo unha das casas do ano pasado, a ovalada, e xa sabemos da traxectoria dunha nova. Trátase dunha casa redonda pero que se mete no perfil norte”, apunta Concheiro.

Así mesmo, e como xa aconteceu o ano pasado, este equipo de traballo –que conta con moitos anos de experiencia noutros castros de Galicia- xa deu con varios restos de cerámica (a maioría lisa, aínda que tamén a hai decorada), algún material lítico e sangue telar, “o que demostra que no Castro das Barreiras tamén se practicaba o artesanado do tecido”, explica o director da escavación.

Parte do borde dun recipiente ceramico atopado no Castro das barreiras

Parte do borde dun recipiente cerámico atopado estes días no Castro das Barreiras

Escavación aberta ao público

“É imposible escavar as Barreiras sen que estas estean vivas. É un castro único en Galicia, coas mellores condicións de visita e de posta en valor”, di Concheiro, ao que moitos veciños paran polas rúas vimiancesas para preguntarlle como van as escavacións: “O equipo desprazouse ata aquí para, así, integrarnos no tecido social da vila. E a verdade é que non hai día que non saiamos do hostal e a xente se interese pola escavación” [ri].

Por outra parte, para Concheiro é fundamental o apoio por parte do concello. “Estamos moi arroupados por toda a corporación. É unha honra que un concello tan pequeno como Vimianzo aposte pola arqueoloxía como motor turístico”.

Comentarios