Martes. 23.04.2024
El tiempo

Unha manchea de espectáculos familiares no Outono Rebuldeiro de Vimianzo

Outono Rebuldeiro de Vimianzo 2020
Unha manchea de espectáculos familiares no Outono Rebuldeiro de Vimianzo

Tras coñecer o programa de adultos para encher as noites dos sábados o Auditorio da Casa da Cultura durante o outono, coñecemos hoxe a programación infantil e familiar, que fará o propio, pero nas tardes dos sábados e domingos (ás 18:30h).

O Outono Rebuldeiro vimiancés abre, co protocolo obrigado, coa entrada é de balde previa reserva na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 9:00 a 14:00 h. Os días de sesión, a billeteira abrirá unha hora antes e dende o Concello piden chegar con tempo para facer todo o protocolo.

A primeira cita será este vindeiro domingo, 20 de setembro coa compañía Caramuxo Teatro que achega a Vimianzo unha adaptación do conto clásico "Xan e as fabas máxicas" nunha clave máis contemporanea, misturando o teatro de actor e monicreques, as fabas máxicas.

O domingo 11 de outubro Culturactiva chega con Pistactiva, combinado de circo galego con Isla Letriska e Sue Moreno. Un espectáculo coas incribles acrobacias aéreas de Sue Moreno e co delirante espectáculo de Isla Letrisca no cal combina disciplinas de Novo Circo e clown con excentricidades e xogos.

O sábado 24 de outubro, polo día da biblioteca, Pedro Brandariz trae os seus Contos de Michos, para fomentar a “educación en valores” co autoconcepto e autoestima como ideas a transmitir.

O domingo 25 de outubro será a quenda de Raquel Queizás e o seu Xogo de Nano, espectáculo de narración oral no que Nano é unha rá moi divertida que fomenta a socialización en galego e a transmisión interxeracional da nosa lingua.

O sábado 31 de outubro celebrase o Día das Letras Galegas dedicado á figura de Ricardo Carvalho Calero, adiado polas medidas preventivas ante a covid -19. En Vimianzo a compañía Polo Correo do vento fará unha actividade de contacontos ilustrado Coñecendo a Carvalho Calero.

O 8 de novembro Baobab chegan co espectáculo musical e teatral Ris ras para que a rapazada teña tempo de enredar, rir e bailar, No ris, ras a palabra e as brincadeiras están presentes para levarnos á tradición oral galega.

O 22 de novembro pecharase a programación co espectáculo familiar Tódalas maravillas do mundo de Producións Dispersas. Unha montaxe protagonizada por Diego Freire e Beatriz Bravo na que conviven, sobre o escenario, actores, monicreques e música.

Ademais dentro do programa Ler conta moito hai programadas actuacións destinadas ao alumnado dos centros de ensino do concello para conmemorar o día da Biblioteca, os 20 e 21 de outubro. Será a vimiancesa Soraya Lema a que contará as aventuras de Pedriña na montaña, nos Penedos de Pasarela.

Novas relacionadas

Comentarios