Martes. 16.04.2024
El tiempo

Vimianzo segue apostando pola programación continua para manter viva a Casa da Cultura

Programación Outono Vimianzo
Completo e de máxima calidade o programa cultural de Outono de Vimianzo
Vimianzo segue apostando pola programación continua para manter viva a Casa da Cultura

Non se plega o Concello de Vimianzo ante o Covid e volve apostar pola programación teatrao continua como medida para encher o Auditorio da Casa da Cultura. O programa recolle os ompromisos cancelados no primeiro semestre e fará que os sábados dos meses de setembro a decembro a poboación adulta da comarca teña unha oferta de calidade, co mellor da escena galega. Unha aposta que se completará conha completa programación infantil dominical.

O programa arrinca este sábado 19 de setembro con Chévere, e pasarán por Vimianzo compañías e personalidades como Teatro do Atlántic, quico Cadabal, Sarabela Teatro, Títeres Alakrán, P.T. Excéntricas, Carlos Blanco e Osvaldo Digón, Teatro da Rambioa, Badius, Teatro del Andamio, Estudo Momento, Cayetano Lledó e Cultura Activa.

As representacións son para público adulto, serán os sábados ás 20:30h.e a billeteira abre unha hora antes do inicio do espectáculo.
Estará á venda na Casa da Cultura un bono para os 13 espectáculos por 50€ e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados.
O prezo de entrada é de 5 euros (reducida 2.50€).

Resumos

As Fillas Bravas e o mito de Casandra, o 19 de setembro, é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. E por outro, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininos empoderados, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.

O día 26 será a quenda de Teatro do Atlántico baixo a dirección de Xúlio Lago, Dúas donas que bailan, no que vemos-como nun espello- situacións próximas e moi recoñecíbeis nas que as mulleres son as protagonistas que desenvolven a súa vida soportando e afrontando as dificultades a que as aboca a sociedade actual que todos fomos conformando: desafiuzamentos, malos tratos, soidade, abandono na vellez. Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos e tamén da axencia propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana. A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario é parello ao da vella, outrora unha muller rebelde e activista. A presenza da contratada non é ben recibida e cada xornada convértese nun inquietante e por veces traxicómico enfrontamento.

O día 3 de outubro será a quenda de Quico Cadaval que Conta...vacas, guerras, porcos e cregos. Cadaval conta a historia dun antepasado, Xuán o Fino, que era un home bo coa familia, pacífico e bo veciño, amigo de facer favores. Unha personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o entorno do patriarca, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos. Son coprotagonistas da historia vacas, curas, mentireiros, sementais, barbeiros , porcos,artistas de cine e militares.

Sarabela teatro, recoñecida como unha das Compañías máis consolidadas de Galicia, achéganos a Vimianzo o 10 de outubro, A lingua das bolboretas.
O Concello de Vimianzo acolle esta montaxe inspirada na obra de Manuel Rivas 'A lingua das bolboretas' e 'A traxectoria do balón' para que a veciñanza poida gozar da obra deste recoñecido e benquerido persoeiro no Auditorio vimiancés.

O 17 de outubro, será a quenda para a compañía Títeres Alakrán coa obra Finisterrae: O último ultramarinos que é un particular retrato da Costa da Morte, feito por creadores da zona . A obra está escrita pola ceense María Lado e interpretada por Borja Insua (Corcubión) e Celtia Figueiras. Finisterrae nace coma unha oda ás raíces, coa intención de expresar o amor pola terra e o pulo das novas xeracións por retornar ás súas vilas de orixe, e coma unha homenaxe a esas vilas afastadas das grandes cidades, que a pesar de sufrir despoboación seguen agochando oportunidades. Unha obra que pon en valor o local e o pequeno comercio, e que conta cunha interesante proposta estética incorporando ao teatro de actor a manipulación de títeres.

O día 24 de outubro Producións Teatráis Excéntricas, compañía referente do teatro galego actual, achéganos a Vimianzo o seu espectáculo Medida x medida, versión da obra de William Shakespeare coa que a compañía compostelá celebra os seus 15 anos sobre as táboas.

Pecha o mes de outubro, o coñecido cómico e actor Carlos Blanco e nesta ocasión chega a Vimianzo acompañado de Osvaldo Digón.
Quen dixo medo, son monólogos, claro, da man de dous consumados e aplaudidos monologuistas. Un da Arousa e outro dos Ancares. Pero tamén diálogo, xogo, interacción co público, diversión garantizada no auditorio vimiancés.

O 7 de novembro, Teatro da Ramboia, representa o espectáculo O meu mundo non é deste reino, é unha adaptación da "Farsa de Bululú" de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. A recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe, encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse.

O 14 de novembro o grupo de teatro Badius de achéganos a Vimianzo A Peregrinaxe, unha divertida comedia interpretada por caras moi coñecidas na comarca.

O 21 de novembro Teatro del Andamio achéganos Insubmisión, que fala da violencia que se xenera no ámbito familiar, e que o fai dende o epicentro do conflicto: a intimidade da parella. O texto conta a historia partindo de dúas premisas. A primeira é que a violencia non aparece explícita violencia suxerida, subxacente... A tensión dramática crece ao redor desa violencia contida, pero que non estala sobre o escenario.

O 28 de novembro será a quenda do espectáculo “1879. Casa de bonecas” da compañía Estudo Momento. É unha adaptación do texto clásico que o dramaturgo Henrik Ibsen estreara con grande escándalo a finais do século XIX. Predecesora dos grandes movementos feministas, ensalza a figura de Nora Helmer, esposa e nai perfecta, que rachará dun famoso "golpe de porta" con todas as ataduras do sistema patricarcal.
Esta versión centrada no matrimonio e protagonizada polos actores Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, convida ao espectador a recoñecerse na intimidade dunha relación desigual, entre homes e mulleres, como se o estivese a ver todo at ravés dunha ventana indiscreta…
A montaxe acadou o I Premio Luísa Villalta pola Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.

Nesta tempada tamén chega a maxia a Vimianzo o día 5 de decembro co espectáculo Le Cirque do mago Cayetano Lledó. Maxia cómica inspirado tanto nas liñas de teatro clásico coma as correntes actuais, pero con un enfoque innovador e característico. Adéntrate no fabuloso mundo do circo baixo a visión fresca e renovada do home que revolucionou as artes circenses fusionadas coa maxia, Monsieur Lafayette.

O día 12 de decembro remata a programación de outono con Culturactiva e o delicioso espectáculo Papar sen cancelas, onde poderedes deleitarvos cunha exquisita selección gourmet dos mellores pratos da nosa lingua. Linguas soltas, linguas hábiles, linguas deslinguadas, linguas para todos os gustos! Poderedes presenciar as artes para a cociña cómica de tres xeniais chefs,Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, preparando o menú para personaxes entre o máis distinguido do panorama galego actual; baixo a dirección de Diego Rey.

Comentarios