Martes. 15.10.2024
El tiempo

Manuel Rial: "Vimianzo vive a súa semana grande que culmina co Asalto ao Castelo"

Manuel Rial: "Vimianzo vive a súa semana grande que culmina co Asalto ao Castelo"
manolo-rial-asalto-castelo-vimianzo Manuel Rial é un dos organizadores da XXII edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo Vimianzo xa ole a revolución. Mentras os irmandiños esperan polo día grande do Asalto ao Castelo, que será o vindeiro sábado, veciños e veciñas da vila xa viven o ambiente revolucionario co concurso de fachadas en vivendas e comercios e cos Pinchos Irmandiños.  Hoxe falamos con Manuel Rial, un dos organizadores do Asalto ao Castelo de Vimianzo, que este ano vai xa pola súa 22ª edición. A principal novidade deste ano é a conmemoración dos 550 anos da Guerra Irmandiña incidindo no fundamento histórico que ten esta festa: por que se celebra o asalto, quen son os irmandiños, por que se levantaron contra o señor feudal,... Ademais, hai outra actividade novidosa este ano que é un enlace irmandiño que se celebrará o venres, día 30, antes da cea medieval e na que participarán varias parellas da bisbarra. 
  • QPC: Ademais do propio festival, cal é a actividade paralela que mellor acollida ten entre o público?
Hai varias que teñen moi boa acollida. Quizás o momento álxido da festa comeza o sábado pola tarde co Asaltiño; un Asalto adaptado aos máis pequenos que van dende a casa do Concello ata o foso do Castelo onde teñen unha batalla con pistolas de agua e globos na que derrotan ao nobre. Esta actividade está collendo cada vez máis pulo. Hai outras actividades que teñen tamén moi boa acollida, como é a do Desfile das Irmandades Parroquiais - que é o sábado pola tarde - e a ruta dos Pinchos Irmandiños que vai xa pola súa décima edición e na que este ano participan 19 establecementos da vila. Os Pinchos Irmandiños foron sen dúbida o elemento que popularizou a festa do asalto tanto entre os veciños e veciñas da vila como da contorna.
  • QPC: Ademais este ano súmanse os comercios de Vimianzo cunha campaña de "Descontos Irmandiños".
O que queda claro é que todo o tecido empresarial e hostaleiro se implica no que é a semana grande de Vimianzo. O Asalto converteuse na festa principal e dende a organización estamos orgullosos de que así sexa.
  • QPC: Organizar un evento deste tipo, implica movilizar unha gran cantidade de colaboradores. ¿É doado conseguir a implicación necesaria?
Sería imposible levar a cabo un evento como o do Asalto ao Castelo sen un gran equipo detrás; ainda que sempre hai un "núcleo duro" que traballa durante todo o ano pero en todo momento co apoio do resto da organización.
  • QPC: Cal é a pócima máxica para ir pola 22ª edición e seguir medrando?
Ésta é unha festa que se vive intensamente, é unha festa de sentimento. Hai un monumento que vemos todos os días, que é o Castelo de Vimianzo e, por tanto, é unha festa para honrar o símbolo do noso concello. Non sabemos se é o son dos tambores, o lume ou a auga o que fai que esta festa se viva con moita emoción. 
  • QPC: Cun cartel no que están Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Muchachito, Heredeiros da Crus e Festicultores Troupe, o éxito estará asegurado?
Esperamos que o cartel atraia a unha gran cantidade de xente xa que está pensado para diferentes tipos de público porque recolle distintos estilos. Así que este ano temos a esperanza de que se repita o éxito de anos anteriores.
  • QPC: A festa comeza xa o sábado pola tarde?
Hai unha transición festiva e musical que xa comenza cos tambores de guerra das Irmandades Parroquiais e a partir de aí comeza a música na praza con batukada e os bares estarán servindo os pinchos irmandiños para dende alí trasladarse ao campo da festa para bailar aos ritmos tradicionais de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que son un bo punto de partida para despois comezar a batalla de auga no Castelo.
  • QPC: Despois de asaltar o Castelo, a festa continúa?
A festa continuará con Muchachito que lle dará paso ao rock dos Heredeiros da Crus. Os encargados de poñerlle o broche final ao festival son Festicultores Troupe. Este ano evitaremos que as esperas entre grupo e grupo se fagan demasiado longas, polo que haberá algunha que outra sorpresa polo medio.
  • QPC: Con todo este programa, podemos dicir que o Asalto ao Castelo non é un día só.
A música e a festa que conleva o Asalto ao Castelo non só se concentra na noite do vindeiro sábado día 1 de xullo, se non que o venres haberá música no foso da fortaleza da man de Pelepau; un concerto aberto que comeza ao redor da 1 da madrugada xusto despois da Cea Medieval. O Asalto non é só a festa dunha noite se non que un día cargado de actividades para todos os públicos grazas ao mercado artesanal, aos pinchos irmandiños, ás visitas teatralizadas ao Castelo,... e moitas actividades máis que non se poden perder.   

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios