Xoves. 09.12.2021
El tiempo

Medio millar de veciñ@s de Vimianzo e Zas manifestaron na Coruña o seu malestar polo peche das sucursais de Abanca

Manifestacion na Coruna contra o peche das sucursais de Abanca
Medio millar de veciñ@s de Vimianzo e Zas manifestaron na Coruña o seu malestar polo peche das sucursais de Abanca

A veciñanza dos concellos de Vimianzo e Zas, ademais doutros concellos afectados como A Baña, Cercido ou Fene, mobilizouse esta mañá nunha nova concentración, esta vez diante da sede central de Abanca na Coruña, para evitar o peche de oficinas nos seus respectivos municipios. 

Os tres concellos da zona puxeron  autobuses para facilitar os desprazamentos permitindo que máis de 500 persoas se deran cita nos Cantóns.

En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste vindeiro 8 de setembro. Ás dos 5 concellos sinalados, únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra) San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).

O alcalde de Zas Lolo Muíño incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas da Baña, de Baíñas (Vimianzo) e de Zas o vindeiro 8 de setembro obedece só ao interese de incrementar as súas ganancias. “Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”, sinalou, e lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo periodo de 2020.

A rexedora Mónica Rodríguez subliñou o feito de que Abanca non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia. Onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade? A banca electrónica non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... trátase dun grave problema que afecta tamén outros concellos”, indicou. “Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural, non podemos permitir este desmantelamento”.

Concellos e veciñanza continuarán coas mobilizacións.

NOVAS RELACIONADAS

comentarios