O Castelo de Vimianzo estará vivo todo o verán

En pleno auxe da exitosa XVIII Edición do Asalto ao Castelo o Concello de Vimianzo vén de poñer en marcha varias iniciativas para dinamizar turística e culturalmente a vila. Todos os domingos dos meses de xullo e agosto, Vimianzo contará con dúas actividades pensadas para os veciños e veciñas do concello e para aqueles visitantes que durante o verán visitan o noso castelo, para que o seu paso por Vimianzo non se reduza só á fortaleza medieval: teatro no Castelo Vivo e un Bus Turístico histórico.
Castelo Vivo, un paseo pola historia

Cada domingo do mes de xullo e agosto poderemos coñecer a historia da fortaleza medieval de Vimianzo e dos seus moradores a través da Compañía de teatro os Quinquilláns. A dramatización farase ao xeito de teatro de rúa e as persoas que se acheguen ao Castelo poderán atoparse con Lope Sánchez de Moscoso, con Alonso de Fonseca ou con Evaristo Martelo, entre outros. A teatralización durará 30 minutos e haberá dúas sesións, unha ás 11 da mañá e outra ás 17 horas.
Bus Turístico pola Historia viva de Vimianzo
O Castelo de Vimianzo recibe milleiros de visitas durante todo o verán, pero o concello de Vimianzo ten moitos máis recursos turísticos que pode ofrecer ao visitante. Co fin de promocionar o rico patrimonio paisaxístico, etnográfico, patrimonial e cultural do noso concello poñemos disposición da veciñanza e dos visitantes un BUS TURÍSTICO para realizar unha visita guiada.
O bus sairá cada domingo do Castelo ás 11.30 horas, unha vez rematada a dramatización, cunha duración aproximada de hora e media ou dúas horas dependendo da ruta. Realizaranse catro rutas: leste - oeste - norte – sur.
O domingo 7 de xullo inauguraron o percorrido coa ruta do leste coas seguintes paradas: Pazo de Trasouteiro, Dolmen de Pedra Cuberta (Treos), Dolmen de Pedra Moura (Treos) e Igrexa de Serramo.

Novas relacionadas
- O Asalto cumplíu a maioría de idade e segue medrando.
- O Concello de Vimianzo presenta alegacións á negativa da Xunta a declarar o Asalto Festa de Galicia de interese turístico.
- En marcha a Fagía de Carnés, a festa gastronómica con máis de 400 anos.
- 10 artesáns da Costa da Morte manteñen vivo o Castelo de Vimianzo.