![pedra-arca-vimianzo]()
As visitas guiadas a distintos puntos de interese do concello e as actividades no Castelo son as principais bases deste programa cultural estival
Ainda que quedan días de verán por diante, o
concello de Vimianzo fai balance do seu programa cultural e turístico de verán por excelencia. Bautizado co nome "Vimianzo, historia viva" leva xa cinco anos en marcha nos que sempre medrou chegando a consolidarse no presente ano como unha das propostas culturais máis interesantes da Costa da Morte.
Así, ao longo dos pasados sábados de xullo e agosto, unhas 200 persoas participaron nas
visitas guiadas por distintos puntos do municipio. Foron un total de oito saídas temáticas. Mais o número de asistentes non revela o interese suscitado, posto que todas as visitas tiñan un número limitado e reducido de prazas en favor da calidade do servizo. As visitas sempre conducidas por expertos na interpretación do patrimonio, acadaron unha valoración moi alta por parte dos asistentes, entre eles moitos visitantes de proximidade así como asiduos a veranear na comarca, con ansias de procurar lugares pouco frecuentados, fóra dos circuítos turísticos convencionais e achegarse ó significado cultural dos sitios. Algunhas das propostas máis secundadas foron a visita nocturna a Berdoias - coa colaboración do colectivo A Rula, experto en arte rupestre - a visita para coñecer polo miúdo o lugar de Cereixo, as temáticas do medievo ou a derradeira e moi orixinal visita a contorna do Encoro da Fervenza na procura do megalitismo asolagado, todas as mencionadas colgaron o cartel de prazas esgotadas ó arranque da saída.
Actividades no Castelo
"Vimianzo, historia viva" destaca por dar a coñecer cada fin de semana un recanto distinto do municipio, aínda con todo o
castelo medieval de Vimianzo sempre será o seu prezado emblema e monumento máis senlleiro, por iso o programa inclúe o castelo en todas as propostas, ben como lugar de encontro ou protagonista absoluto. Durante o pasado agosto a vella fortaleza volveu a superar todos os recontos de visitantes contabilizados ata o presente nun só mes, acollendo a
máis 7200 visitantes. O monumento que conta con máis de setecentos anos de historia, continúa a ser un lugar vivo e dinámico en boa parte grazas o seu centro de artesanía en vivo, en onde este verán non faltaron os obradoiros e exposicións. Asemade, a súa apaixonante historia foi relatada mediante propostas variadas e dirixidas a todos os gustos, dende as magnificas e amenas
representacións teatrais dos Quinquilláns a outras dramaturxias máis nostálxicas e noiteras como aquela narrada pola suposta pantasma do poeta Evaristo Martelo a cargo de Manuel Rial.
[fbvideo link="https://www.facebook.com/VimianzoTurismo/videos/1621205591287622/" width="850" height="400" onlyvideo="1"]
Durante todos os sábados e domingos do mes de setembro, o concello de Vimianzo continúa ofrecendo visitas guiadas ó castelo ás 12 e ás 19 horas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Vimianzo