Adiante Vimianzo tamén piden o compromiso do pleno contra o peche da sucurcal de Abanca en Baíñas
Continúa o terremoto social causado en Vimianzo e Zas polo peche das sucursais de Abanca. Xusto antes da rolda de prensa conxunta do rexedor de Zas e a alcaldesa de Vimianzo, na que amosaban a súa diposición a loitar contra este novo recorte de servizos no rural xunto ao Concello da Baña, o grupo de Adiante Vimianzo presentaba unha moción para debatir no seguinte pleno.
A voceira Marta Rey lembra que “na actualidade a oficina de //Abanca de Baíñas ten un volume de actividade suficientemente elevado como para xustificar a súa existencia” e deixa claro que “Baíñas é o centro dunha importante zona rural que abrangue parroquias veciñas do concello de Vimianzo e lugares dos concellos limítrofes de Dumbría e Zas, en torno á que se orixina unha importante actividade económica financeira que xustifica obxectivamente o mantemento da oficina bancaria aberta para a atención presencial de clientes”.
Lamenta que debido ao “envellecemento das zonas rurais non se implementen políticas que potencien que o noso rural siga vivo e que as persoas maiores poidan vivir nel dignamente, con todos os servizos posibles. Pechar un servizo bancario como o de //Abanca en Baíñas significa prexudicar inxustamente ao territorio de Baíñas e a súa área de influencia, e, sobre todo, á poboación máis envellecida, que carece de formación e medios dixitais para acceder a un servizo de calidade”.
Pero tamén consideran que será “un prexuízo económico xa que moitas destas persoas maiores teñen que depender de familiares ou, no seu defecto, deberán pagar por desprazarse ás vilas cercanas para poder realizar determinadas xestións bancarias, facéndolles perder, deste xeito, a súa autonomía e/ou ocasionarlles un gasto extra.
Teñen claro que “este argumento de carácter social é suficientemente valeroso como para que a entidade financeira reconsidere as súas intencións de peche da oficina”, pero aseguran que tamén inflúe no comercio, polas perdas que ocasionará nos bares nos que xa non se tomarán unha os xubilados despois de sacar os cartos.
Adiante Vimianzo, que os activos municipais depositados na Abanca “son un recurso importante a utilizar nun diálogo cos representantes da entidade”, polo que pedirán no pleno manifeste o seu desacordo co peche, e que soliciten unha entrevista co máximo responsable da rede de oficinas de Galicia de Abanca e mesmo co seu Presidente.
NOVAS RELACIONADAS
- 14-08-21: Os Concellos de Vimianzo e Zas unen forzas contra o peche das sucursais de Abanca.
- 12-08-2021: A veciñanza de Baíñas concentrouse contra o peche da sucursal de Abanca.
- 12-08-2021: Zas mobilízase contra o peche da oficina de Abanca.
- 04-08-2020: Lamentan o peche da oficina de Abanca en Dumbría.
- Cousas que existían pero que descubrimos coa pandemia: Os bancos, tal como os coñecemos, camiño de ser un recordo.