Domingo. 15.09.2024
El tiempo

Os Batáns do Mosquetín estrean maqueta

Os Batáns do Mosquetín estrean maqueta
Nas próximas semanas, o conxunto etnográfico dos Batáns e Muíños do Mosquetín, situados na parroquia vimiancesa de Salto, terá un novo atractivo para os visitantes. Trátase dun modelo a escala dun batán que permitirá ao visitante comprender o funcionamento destes tradicionais aparellos, que servían para bater tecidos até que as fibras se compactasen. As pezas están colocadas de xeito que se poida mover a roda que acciona todo o mecanismo. A maqueta ten a súa historia particular. Nos anos 60, José Ces Ces, un bataneiro de Servia, na parroquia de Vilacoba (Lousame), vendo que esta industria esmorecía decidiu crear un modelo a escala e deixar un manuscrito co nome e tamaño das pezas para a posteridade. O historiador Xosé María Lema soubo da existencia da maqueta mentres estaba realizando un estudo sobre os batáns galegos e do resto da península, no marco da loita pola recuperación do Mosquetín. Grazas ás súas xestións e ás de Paco Doval, a familia doou desinteresadamente o modelo á Deputación da Coruña en 1999 para que estivese exposta no conxunto etnográfico vimiancés. Xestión municipal Tras moitos anos de espera, a maqueta poderase ver no Mosquetín tralo acondicionamento realizado polo concello de Vimianzo. Isto é posible grazas ao cambio na xestión do conxunto, que desde a primavera depende directamente da acción municipal. O acto de presentación da maqueta de Servia terá lugar o sábado 4 de febreiro ás 12 horas no conxunto etnográfico do Mosquetín. Será un acto festivo no que se realizará unha visita guiada ao conxunto e se poderá ver por primeira vez a curiosa maqueta. Novas relacionadas Fonte

Comentarios